Risco atopa os sospeitosos habituais daquela Mitteleuropa
Por Antonio Pardines
Na parte final do seu libro Mitteleuropa (1934), Vicente Risco fala das ideas que observa en Berlín, entre elas o marxismo, o nacionalsocialismo e o antisemitismo. Atópaos na súa viaxe a Alemaña en 1930, cando o partido nacionalsocialista pasa de 12 escaños a 107, e as rúas de Berlín están infestadas de marxistas e de camisas pardas, de propaganda comunista e nazi. É importante situar o contexto no que o intelectual ourensán chega a Centroeuropa porque as ideas non nacen de xeración espontánea, senón de correntes que, a miúdo subterráneas, circulan ao longo do tempo e dos lugares. O antisemitismo deambulaba por Europa dende moito antes de que un antigo cabo austríaco, que quixo ser alemán e mesías, escribise na comodidade do seu encerro carcelario un panfleto cheo de intencións e de parvadas baseadas no complexo de inferioridade, no odio, na ignorancia e na pseudociencia.
Só fai falta mirar a historia para comprobar que o pobo hebreo fíxose na diáspora e que tamén é sinónimo de diáspora, tamén o armenio —o xitano é a imaxe do nomadismo, da ausencia dunha idea de nación xeográfica e politica—. Quixese ou non, debido aos costumes e tradicións duns e doutros, non acadaba integrarse nos países onde se asentaban. Tampouco é que estes reinos e nacións os aceptasen como parte de seu, pois sempre atopaban neles os banqueiros aos que pedir cartos —e pagar a desgusto os intereses derivados dos empréstitos para conquistas e outros contos que non melloraban as condicións de vida dos comúns— e os sospeitosos habituais dos males de difícil explicación para o pobo chan, que sempre parece precisar dun culpable que calme as súas propias culpas e as dos seus líderes. Algo disto aconteceu en Austria no século XV, onde se produciu unha persecución brutal dos xudeus. E pouco despois, en España e Portugal. Rematada a Reconquista produciuse a expulsión das comunidades hebrea e islámica asentadas na península Ibérica dende centurias atrás. Un século e pico despois, William Shakespeare escribía O mercador de Venecia, obra na que xa queda escrita a presenza dese rexeitamento secular, tal vez milenario. Tal rexeitamento fai sangue no Imperio Ruso do XIX, século de nacemento do sionismo. Nesa Rusia dos zares os xudeus viviron ameazados polos pogromos —no mesmísimo Dostoievski pódese apreciar antisemitismo nalgunhas páxinas de Diario dun escritor—. E xa na Francia que levaba tempo presumindo de fraternal e igualitaria, tamén de civismo e de alta cultura, asoma o antisemitismo. Este quedaba desvelado publicamente no Caso Dreyfus. Famosa e polémica foi a acusación feita por Émile Zola contra o sistema en defensa do acusado; tanto que lle custou o exilio.
De xeito que, nese ano no que Risco viaxa a Alemaña, a corrente antisemita percorre Europa, como tamén a percorría a fascista e a comunista. A intolerancia, o enfrontamento e a tolemía derivada dos extremos estaban servidos. Pero o que acontece no país xermánico, e o diferenza doutros, era a súa situación xeográfica —como se fose un muro entre a Rusia comunista e a Europa occidental baixo o dominio inglés— e que se estaba a buscar unha cabeza de turco para empaquetarlle as culpas da crise en que se vivía, unha crise que tiña a súa orixe nas sancións da Gran Guerra e na Gran Depresión que arrasou as economías mundiais tralo Crack do 29. Así que o rol dese inimigo, o culpable dos males, era fácil de asignar: os xudeus, os cales tamén eran alemáns —polo que se descarta que fosen sionistas—, mais isto non pareceu importar aos nazis. Tampouco Risco lles concede ser parte, senón un aparte que, na súa non asimilación e superioridade, rillan as sociedades cristiás das que o ourensán é defensor.
Máis ou menos, este é o panorama no que vive o mundo ao que pertence Risco, un home de pensamento tradicional, antimarxista, anticosmopolitista, galeguista, católico practicante e gran coñecedor da cultura xermánica. Como dicía a viaxeira no tempo do relato de Méndez Ferrín Morrer en Laura: «Risco foi un modelo de intelectual reaccionario» (1). O certo é que a lectura de Mitteleuropa deixa claro que é contrario ao capitalismo e ao comunismo e que sofre, e alporízase, pola fin das sociedades tradicionais.
Risco escribe: «A economía do diñeiro foi o principio de destrucción das sociedades cristiás polo xiudaísmo. O diñeiro é a máis espantosa dinamita do mundo» (2). Pero parece esquecer que o conto é máis complexo que botar as culpas a un pobo, e esquecerse da codicia, ambicións e intereses económicos das distintas civilizacións e nacións dominantes en cada época. Tenta explicar, pero o fai caendo en lugares comúns. O que busca é sinalar o que a el lle fai dano, que é o deterioro do seu mundo ideal, e atopa as causas na invención do diñeiro e do crédito, no maquinismo, no capitalismo, no marxismo… Di que «a economía capitalista ten o vicio orixinal, satánico, negativo, de erguer un valor artificial por riba dos valores económicos naturais, únicos verdadeiros». (3) Así que acusa aos xudeus de seren os inventores do sistema capitalista, esquece que Locke e outros pensadores que impulsaron as ideas de libre mercado eran xentis, e tamén do marxismo. Certo que Marx era xudeu, mais non quen puxo en práctica as súas ideas, tales como Lenin e Stalin (Mao e Castro décadas despois). A explicación que o autor de O porco de pé ofrece para o antisemitismo alemán viría a ser: «A desesperación de non teren patria, levaos, conscientemente ou non, a quereren desface-las patrias dos demais, a quereren borra-la idea de patria, e isto óllase ao menos como tendencia en tódalas súas publicacións» (4). Ante isto, pregúntome se Risco lería ao austríaco Stefan Zweig, a Walter Benjamin ou aos irmáns alemáns Thomas e Heinrich Mann.
Nota:
(1) Xosé Luis Méndez Ferrín: Crónica de nós. Edicións Xerais, Vigo, 1980.
(2) (3) (4) Vicente Risco: Mitteleuropa. Editorial Galaxia, Vigo, 1984 (Primeira edición, Editorial Nós, 1934).

Comentarios
Publicar un comentario