Na memoria popular (de quen non percorreu as súas liñas e os seus versos), fica a imaxe dunha Rosalía que sofre en Follas Novas (1880) e a da poetisa que revindica a identidade do pobo galego en Cantares Gallegos (1863), pero a escritora era máis que unha chorona ou unha galeguista, etiquetas que chegarían despóis. Rosalía era unha muller que tiña clara conciencia de ser muller, nai e galega, e de que selo acarrexaba inxustizas sociais. Máis aínda, era quen de saber que na súa época ser muller, nun mundo xa non so de homes e para homes, senón tamén de ricos e pobres, de cidadáns de primeira e de terceira, de opresores e oprimidos, enmudecía as voces discordantes e, sobre todo, pechaba as bocas femininas, a súa posibilidade de falar, de dicir quen é e de expresar canto sinte ou o que lle pete. Pero ela non calou. Falou e contra esa inxustiza protestou. Mais Rosalía non carecía de ironía, enerxía e clase ao facelo, pois non era a imaxe pasiva que ollou o mundo no mar de bágoas no que o...