A contradición das chamas Por Antonio Pardines A novela máis ambiciosa de Manuel Rivas, e que amplía o seu universo literario e memorístico, é a suma de momentos que dá forma a Os libros arden mal (2006), que enriquece a literatura sobre a guerra civil e de posguerra, mais non o fai con ansias de repetir consignas nin de sentenciar o que debemos matinar. Rivas posiciónase a prol da liberdade, da fantasía, do amor non só polos libros, senón polos contos e os contistas, polos marxinais e perseguidos, por quen soña e atopa refuxio nunha grúa ou nunha rúa a carón do peirao. El mesmo é un deles, e máis que falar parece debuxar con palabras un panorama amplo, imaxinativo, agridoce como o cine de Chaplin, que é un dos míticos debuxados por Siro López na Praza do Humor da Coruña, a cidade viva na que Rivas desenvolve as distintas historias. Todas conflúen nesa localidade a beira do mar na que loce o faro de Hércules, que aínda hoxe ilumina e guía, mais, coa música que soa máis co son do mar e...