Militancia, desencanto e outros contos
Por Antonio Pardines
Premiado polo Patronato do Pedrón de Ouro, o relato que abre Crónica de nós (Edicións Xerais, 1980), A Sibila, transcorre na memoria dun narrador que lembra un feito misterioso e perigoso do seu pasado de 1925. Pero, como narrador, tamén é o inventor do relato, pois fálanos da súa incapacidade de devolver o momento pasado (a realidade) ao presente (a reconstrución). Só pode evocar, reconstruír e dar por boa a súa construción, aínda que esqueza, rechee ou se confunda, como acontece ao dicir que saían do cine de ver Metrópolis (Fritz Lang, 1927) cando, se un mira a data da estrea, sería unha proxección imposible, agás nun fado ou nunha fantasía da memoria. Tampouco podería asegurar se este ir ver o filme de Lang antes da súa filmación foi un erro do propio Xosé Luís Méndez Ferrín ou dese enigmático personaxe seu que lembra e revive a súa experiencia compartida con Domingo Areal nunha cidade húmida que, cargada de lendas e repleta de recunchos misteriosos, parece máxica —unha maxia que calquera compostelán dos tempos nos que se sitúa a historia sentiría ao percorrer as rúas da cidade, xa na néboa, baixo a choiva ou ao caer a noite—. Ese conto marca por onde transcorrerán os seguintes seis relatos (e un epílogo datado en marzo de 1980) que completan o volume. O libro continúa cun soliloquio que, ao tempo, vén sendo unha nota de suicidio —acto que asomará noutros contos— e un reproche do pensador a si mesmo por traizoar os soños e a ideoloxía daqueles anos mozos nos que procuraría loitar contra a represión e buscaría a liberación da clase menos favorecida.
O libro é dos máis significativos —non dende unha perspectiva formal— dentro da obra do ourensán. Non revoluciona as formas do relato curto, quizais tampouco evolucione o seu conxunto literario, pero é un golpe ideolóxico en plena Transición. Ferrín non traizoa a súa esencia ética e estética, nin o súa ideoloxía marxista leninista e independentista —o libro conclue cun «viva galicia independiente e socialista» (1)—, senón que reforza as constantes dun autor aguerrido, culto e poético que envolve os seus contos nun halo misterioso e alegórico para falar del mesmo —os seus medos, a súa loita, os seus arelos— e do mundo no que habita. Neste volume, cidades húmidas en distintas épocas do franquismo, agás o relato Licor Café, que se ambienta en 1910 e na memoria de tres personaxes que falan do mesmo pero sen coincidir nas súas verdades —que nos achegan a unha especie de Roshomon (Akira Kurosawa, 1950)—. Nese universo seu, o autor ourensán volve mesturar e confundir fantasía e realidade para xerar unha atmosfera literaria máis propia do soño ou do pesadelo, pero a súa postura é tal vez máis descarnada e militante. Voltaría a ser encarceado ese 1980 no que publica este libro de relatos «poboado de suicidios e cousas incompletas» (2). Fantasía, misterio, medo e morte son algúns dos temas recorrentes en Méndez Ferrín que dan o sentido unitario a esta obra na que, empregando ruptura, saltos no tempo, voces complexas e feridas, este contacontos, imprescindible das Letras Galegas desde finais dos anos 50, continúa na procura de romper límites narrativos para seguir sendo fiel aos seus principios poéticos e ideolóxicos. Pois a totalidade da súa obra é un tira e afloxa entre a emoción e a razón, mais sempre consciente da súa postura innegociable, e quizais dese encontro nazan esas atmosferas nas que fantasía e realidade fanse unha.
Notas:
(1) (2) Xosé Luis Méndez Ferrín: Crónica de nós (primeira edición, 1980). Edicións Xerais, Vigo, 1992 (primeira edición en Colección Narrativa).

Comentarios
Publicar un comentario