sábado, 3 de mayo de 2025

Castelao e Os dous de sempre, suman tres

Como referente do galeguismo no exilio, a Alfonso Rodríguez Castelao, que loitou ata o derradeiro folgo da República para que aprobasen o Estatuto Galego que os distintos gobernos republicanos daban largas, o mitificaron e veneraron en vida, pois, como lembraba Blanco Amor, <<asumíu a cabeza do galeguismo no exilio, a súa laboura pública ao longo de cincoenta anos ven rexida pola solidaridade, o señalamento, e prédica e o compromiso co seu pobo.>> (1) Mais hoxe xa é, xunto a Rosalía de Castro, a figura máis lendaria da cultura galega e a máis comercial do seu negocio —pois non hai dúbida de que toda cultura conleva un e mil—, máis este ano no que se cumpre o setenta e cinco aniversario da súa morte e se reeditan os seus libros, se celebran actos a esgalla, publícanse moreas de estudos sobre o seu pensamento, a súa vida e obra, e que incluso algunha película sobre as súas relacións íntimas agarda a súa estrea. O seu estatus supera calquera das súas expectativas, que eran para Galicia non para el, nin para os vendedores da marca “Castelao”, e das súas querencias, que en alto grao tamén eran para a súa amada terra galega. Ademais, sospeito que non se atoparía moi ledo do uso mercantil, propagandístico e incluso político que fan del, da súa imaxe e do seu pensamento, o que deixou escrito ou dibuxado na súa obra na que destaca como espléndida peza narrativa Os dous de sempre, mistura picaresca, pantagruélica, amarga e humorista dun rebelde que sempre fala, escribe, caricaturiza ou pinta sobre a terra da que vese obrigado a partir, para non retornar xamais en vida…


O humor de Castelao, ironía, retranca, tristura, rebeldía e amargura, é un humorismo recoñecible e moi seu que, bebendo do popular, interpreta a vida de maneira sinxela, valente, decidida, e ideolóxica para asomar sen vergoña da súa orixe popular en dos seus heroes, que sempre son galegos de a pé, iletrados, campesiños ou mariñeiros, nenos, mulleres e vellos, filósofos da vida e víctimas da situación da Galicia rural e mariñeira que coñece de primeira man e que quere denunciar para cambiar a situación do país. <<Neste mundo todo ten caricatura: as persoas, as cousas, a vida. O que pasa é que moitas persoas non teñen retrato e poucas vidas teñen bonitura>>, (2) dixo o autor de Cousas nunha conferencia celebrada na Coruña en 1920. De feito, Pedriño e Rañolas son caricaturas, que rezuman verdade, retratos de vidas sen bonitura. Son os dous nenos-homes de aldea, sen aparentes atributos que os destaquen, mais teñen corazón, soños e tristuras, que fai deles únicos. O primeiro, <<manso, doce, alabeeiro, pero tamén lacazán, pousafoles e máis que nada comellán e lambeteiro>>, (3) ten un estómago sen fondo, é medoso e deísaxe zarandear por todos; e o segundo, <<eivadiño de pernas, que andaba en crequenas>>, é <<un rapaz intelixente, con moitos anceios de saber>> e un maxín que enche de soños de liberdade e felicidade. Rañolas vese obligado a salir da súa vila natal, así sae ao mundo e pronto abandoa Galicia para atopar o porvir polos camiños que o conducen a Castela, a Lourdes, a París e de volta a súa terra, pois, pasado o tempo, sente morriña e desexa retornar para ser reloxeiro. Como conto de camiño, en Os dous de sempre asoman diversos persoaxes no recorrido tanto de Rañolas como de Pedriño, aínda que este non sae ata que o obriga a súa sogra a cruzar o “charco”… Rañolas ten fame de mundo, bótase ao camiño da vida, do aprendizaxe, do sofremento, da miseria, do engano, da liberdade, mesmo da anarquía tras ler a Piotr Kropotkin; mentras que Pedriño fica na aldea e soña con comer, aínda que máis adiante é empurrado ao camiño, cando vese obrigado pola súa sogra a emigrar a Arxentina en busca de fortuna para enviar a casa. Mais ningún soño é a realidade coa que se atopan Castelao na vida e os dous de sempre na ficción, dous que fan a suma do corpo e alma que camiña polo mundo na procura dun lugar onde a felicidade tamén será incompleta, intermitente ou igual nunca chega a materializarse porque no mundo dos dous de sempre a inxustiza, a ignorancia e os egoísmos mandan…


(1) Eduardo Blanco Amor: Entrevistas con Eduardo Blanco Amor (edición de Victoria A. Ruiz de Ojeda). Editorial Nigra, Vigo, 1994.

(2) Castelao: Pensamento Galego I (varios autores, escolma de Carlos Baliñas). Cadernos Populares, Santiago de Compostela/Vigo, 1977.

(3) Castelao: Os dous de sempre. Editorial Galaxia, Vigo, 1999.

No hay comentarios:

Publicar un comentario