domingo, 8 de septiembre de 2024

Agustín Magán e a Difusión do Teatro Afeccionado

Nado en Santiago de Compostela, en 1918, Agustín Magán Blanco recibía o premio de Honra na primeira edición dos Premios de Teatro María Casares, celebrada no teatro Rosalía de Castro da Coruña en 1997. Un ano antes, en decembro de 1996, a súa cidade natal recoñecíalle o súa labor teatral coa entrega da Medalla de Prata da Cidade ó Mérito Artístico e Cultural, condecoración que o Concello xa concedéralle en 1986 ao seu grupo teatral. Fundado en 1960, o Teatro de Cámara DITEA (Difusión de Teatro Afeccionado), convértese nun referente do teatro amador compostelano e galego dende que da os seus primeiros pasos. Por el pasan Pepe Domingo Castaño, José Manuel Oliveira “Pico”, Mariluz Villar ou Luis Zahera. E máis de seis décadas despois, segue guerreando no escenario —hoxe mesmo, no Salón Teatro de Santiago, coa comedia “Un mal día teno calquera”—. A importancia de Magán e dos seus colaboradores na evolución do teatro galego está fora de toda dúbida. Entregáronse o desenrolo do teatro amador con ilusión e carácter anovador, pois comprendían a importancia da escena afeccionada: berce de futuros profesionais e tamén o contacto de moitos actores e actrices ocasionais ou vocacionais (non remunerados) cun espacio sempre vivo e aberto, xa se celebre en salas, teatros ou nas prazas dos pobos. Ao tempo era un gozo e un modo de transmitir cultura nunha cidade que nas noites de Corpus disfrutaba cos actos sacramentais que Ditea poñía en escena nun marco privilexiado: a praza da Quintana. Aínda hoxe, hai quen os recorda. Naqueles primeiros tempos, ao fronte de Ditea, entre pezas doutros autores, Magán representa actos sacramentais de Calderón e tamén obras maís comprometidas como “En la red”, do madrileño Alfonso Sastre, un dos dramaturgos máis censurados no franquismo, debido ao seu activismo político. Xa na década de 1970, Magán e Ditea apostan polo galego como lingua vehicular para as súas montaxes e os seus textos, entre os que destacan “Mesmo semellaban bruxas”, “Os rebertes”, Premio Álvaro Cunqueiro 1990, “Deus mandou S. Tiago”, “Alias Pedro Madruga” ou “A lenda de Xoán Bonome”. Na actualidade, e de xeito anual, a Federación Galega de Teatro Afeccionado celebra en Santiago de Compostela o certame de teatro amador “Agustín Magán”, que xa vai pola súa vixésima terceira edición, un logro en tempos de consumo rápido e de esquecemento inmediato e un agasallo para quen guste do teatro.



2 comentarios: