Dos corredores ás letras impresas
Por Antonio Pardines
Tiña boa sona entre o alumnado do Rosalía. Sempre dicían que, con el, o galego era un choio. Camiñaba polos corredores do instituto cun sorriso e cunha afabilidade contaxiosa que parecía non cadrar naqueles corredores centenarios do centro escolar onde, nos cambios de clase, saíamos a parolar, a fumar e a bromear. Non o tiven como profesor de lingua galega, que era a materia que lle correspondía. Así que, para quen isto escribe, o galego non foi un choio e nin sequera o podo valorar como docente. Pois, ao contrario que moitos dos meus amigos, non tiven a sorte de vivir as clases de Pepe Chao, un home que sospeito sabía perfectamente que un idioma é moito máis cunha nota ou cun exame. A min déronme clase outros docentes. Non conectei con eles, pero iso é un conto aparte e, supoño, en moita parte culpa miña. Anos despois, investigando para un dos meus libros (1) atopei un seu (2) que pensei que me podería achegar á parte histórica e aí si coñecín unha das súas facetas: a de Xosé Chao Rego escritor e historiador galego, é dicir, que se mergulla na historia de Galicia; neste caso, na de Santiago e o seu Apóstolo, aquel que os pillos de Teodomiro e O Casto quixeron crer, ver ou sospeitar apostólico… pois xa se sabe: a necesidade non sempre agudiza o inxenio, enche os petos e da ás á Reconquista. Mais nesta ocasión o conto saíu redondo, nin que chegara caído do ceo.
Notas
(1) O libro referido é Rincones sin esquinas, que publiquei en 2025.
(2) O libro de Xosé Chao Rego que consultei foi El relato compostelano, unha coedición de Follas Novas (Santiago) e Montecasino (Zamora), publicado en 2001 en lingua castelá. O autor explica:
«Como el resto de la colección de la que va a formar parte este libro está escrito en castellano, y pues nada tengo contra el idioma mayoritario de España y lejanos alrededores —nada contra el idioma, bastantes agravios de sus hablantes—, quiebro por esta vez mi voto de galleguidad, pecado que después de veintiséis libros —los tres primeros en castellano— y varios miles de artículos en el idioma de Rosalía, podría ser disculpado forzando la benevolencia del lector.»
Imaxe de cabeceira: Anos Vinte, paisanos e paisanas guiando unha piara por diante do Edificio San Clemente (Santiago de Compostela) rumbo á feira de Santa Susana. Dentro tamén nos intentaban guiar, mais algúns andabamos máis por fóra. Fotografía de Ruth Matilda Anderson para The Hispanic Society of America, NY

Comentarios
Publicar un comentario