Un pensador tranquilo Por Antonio Pardines Cando John Wayne chega a Irlanda da man de John Ford en O home tranquilo ( The Quiet Man , 1952) é este último quen pisa unha terra idealizada que contén todo o seu imaxinario e na que sente as súas raíces. Ford crea un mundo máis que nostálxico, ideal, mítico, homérico. Pensa en como debería ser, non como é. Innisfree é a súa Arcadia, o paraíso perfecto na súa imperfección onde o ser irlandés non é unha cuestión de nacionalidade, senón de comunidade. É por iso que o estadounidense a quen dá vida Wayne ten cabida. O soño de Ford é ben seu, non lle debe nada a ninguén, só á súa fantasía e á súa realidade, que son os espazos onde o pensamento crea. E aí, nun lugar entre o ser e o desexo, tamén nace a idea galega de Ramón Piñeiro, unha idea que leva con el dende antes de ser encarcerado na posguerra ata o final dos seus días en 1990. Parte do seu ideario quedou escrito en Olladas no futuro (1974), do que Francisco Fernández del Riego di: «Figura...