Sen brétema
Por Antonio Pardines
Na primeira solapa do libro O espírito das maceiras (2024) compártese o enderezo do blog de Silvia Tasende, a autora da novela: «Ladytasende punto com», o que me trouxo á mente o adxectivo aristocrático, e logo o interrogante: elitista? Pasei un minuto pensando niso e, un segundo despois, chegoume outra posibilidade que me levou a imaxinar que se trataba dunha aspiración: a ser algo así como unha Lady Macbeth moderna. Ademais de ser un dos seus mellores personaxes femininos, a Lady de William Shakespeare é unha das grandes heroínas do teatro, dama escura, conflitiva, intelixente, manipuladora, liberada e, imaxino, elegante, fermosa e non pouco sedutora. Pero atopei outra persoa, tamén con voz propia, con clase, aínda que distinta da Macbeth, evocadora e clara, sen o claroscuro e o conflito que aniñan na lady shakespeariana.
Non había diso na narradora nin nas heroínas de O espírito das maceiras, pois son nenas e mulleres comúns, e coido que esa elección é un acerto que acurta distancias. O relato chégame como unha narración vivencial e emocionalmente contada para tocar a fibra de quen, ao ler o libro, recoñécese e mira a nenez desde a distancia da idade adulta, séntese cómplice; quizais incluso diga «estiven aí». E o que a priori ía ser a lectura dun libro que sospeitei xa lido, deume a posibilidade de deixarme levar. Dito dun xeito de andar por casa, deixei que Tasende me levase por un percorrido cómodo, sen conflito, porque o tempo e a imaxinación fan da realidade pretérita fantasía, mais a travesía sóame verdadeira.
A voz da narradora nunca cala ao recordar e describir o espazo, os momentos lembrados e os personaxes. Non quedan sombras nas que enredar para descubrir porque a memoria é como unha folla en branco na que escribir vidas. E un, neste caso unha, escolle que dicir e que calar, que insinuar. Mais en O espírito das maceiras non hai silencio, nin memoria que erre, nin dúbida ao lembrar. Hai omnisciencia, coñecemento do pasado, unha ollada subxectiva e selectiva, pois unha autora ten que escoller que contar: os pasos a dar nesa casa de aldea onde os nenos e nenas, netos de Mamá Pilara, pasaban días de verán nos que se sentían libres para correr e xogar. Era unha aprendizaxe vivencial non moi diferente á de milleiros de nenos e nenas da nosa infancia. Non só nas aldeas, senón tamén nas vilas e nas rúas periféricas das cidades ou naquelas que semellaban ancoradas no tempo. Tal sucedía en pobos como Malpica ou nos barrios do Viso, de San Lázaro ou da Trisca no Santiago da miña infancia. Así asoma como un paraíso perdido ou anhelado, idealizado, non para explicarse nin coñecerse. Non hai busca, non hai interrogantes. É un mirar atrás para lembrarse, para sentir o especial dun mundo xa desaparecido por onde levar pola man os lectores.
Non descarto que a novela narre un paraíso perdido e unha etapa de formación existencial, e que o público ao que vai destinado sexa o máis amplo posible. Non é pedante nin elitista. Nin creo que Tasende pretenda contar outro conto que unha historia humana calquera, na que os protagonistas son os tempos especiais e un de nós reflectidos neles. A nenez é un suspiro e logo a fantasía á que retornamos de cando en vez, pois iso é a novela: unha viaxe non ao pasado, imposible de atopar cando ollamos atrás, senón á imaxinación do que foi e de quen fomos aqueles veráns que hoxe sentimos libres e entón viviamos sen pensalos. Pois non había máis que tempo para desfrutalos e sorprendernos.
O certo é que me gustan as lecturas densas, nas que camiño solto, ao meu aire; perdéndome e quizais pensando en atoparme. Mais esta non é unha lectura dese estilo. Flúe ao seu ritmo, ao que marca Silvia Tasende, un ritmo que pouco a pouco me convida a acompañala. Como tantas memorias ou novelas e ficcións autobiográficas, ou que beben das lembranzas dos primeiros anos, O espírito das maceiras faime recuperar a vella idea de que o pasado sempre é o máis afastado porque é inalcanzable, é como un espectro, ás veces devastador e outras tenro como o que aniña en Morriña —nome da aldea e, por pertencer a ela, da casa «da avoa»—. O mellor do texto quizais sexa cando un se recoñece en espazos similares e en situacións parellas ás contadas por Tasende, de voz delicada, diría que sedosa, mais segura. Quizais máis o segundo no que respecta á memoria, pois nunca hai sensación de dúbida nin de aspereza; non hai intención de reconstruír a memoria, que é fragmentaria, desordenada, insistente, na brétema que descubro cando volvo a vista atrás. O que a escritora narra non busca iso, senón crear unha harmonía agradable e sen espazo para que alguén se perda. Pola contra, a historia das maceiras parece estar aí para que te atopes nela. A novela é o que é, e o que quere ser. E iso é ouro, pois a honestidade dunha obra está en saber o que é e non en pretender pasar por outra cousa. A autora non finxe, e iso dálle credibilidade e o valor daquelas cousas feitas con ilusión e agarimo; estou por dicir que sentindo e vivindo a escritura de principio a fin.

Comentarios
Publicar un comentario