Un pensador tranquilo
Por Antonio Pardines
Cando John Wayne chega a Irlanda da man de John Ford en O home tranquilo (The Quiet Man, 1952) é este último quen pisa unha terra idealizada que contén todo o seu imaxinario e na que sente as súas raíces. Ford crea un mundo máis que nostálxico, ideal, mítico, homérico. Pensa en como debería ser, non como é. Innisfree é a súa Arcadia, o paraíso perfecto na súa imperfección onde o ser irlandés non é unha cuestión de nacionalidade, senón de comunidade. É por iso que o estadounidense a quen dá vida Wayne ten cabida. O soño de Ford é ben seu, non lle debe nada a ninguén, só á súa fantasía e á súa realidade, que son os espazos onde o pensamento crea. E aí, nun lugar entre o ser e o desexo, tamén nace a idea galega de Ramón Piñeiro, unha idea que leva con el dende antes de ser encarcerado na posguerra ata o final dos seus días en 1990. Parte do seu ideario quedou escrito en Olladas no futuro (1974), do que Francisco Fernández del Riego di: «Figuran nel traballos que desenvolven ideas interpretativas e valorativas da personalidade e da obra da nosa cultura, e doutras culturas achegadas á nosa. Tamén de temas importantes da realidade galega, no orde lingüístico, social e do pensamento, así como de impresións ou suxerencias reflexivas sobre a situación espiritual da Europea». (1)
No limiar de Olladas no futuro, Piñeiro di que «os traballos incluídos abranguen temas variados» da súa preocupación e interese, como serían a lingua galega e a vontade de deixar claro que persoalmente coñecía a moita xente importante da cultura galega; e a quen non coñecía, si sabía da súa obra e valía, tales serían os casos de Rosalía e de Castelao —a quen quizais vise unha ou dúas veces de lonxe e con quen se escribise de xeito esporádico—. Trátase pois dunha obra que recompila textos propios nos que o autor de Significado metafísico da saudade (1951) dispón por orde cronolóxica, dende 1949, con «O libro que nos debe Ánxel Fole», ata «Carta a don Manuel Rodríguez Lapa», datada en 1973. Entre tanto, Piñeiro fala de Castelao, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Luís Pimentel, Rosalía, Vicente Risco, Antón Vilar Ponte e doutras figuras do galeguismo, ademais de Unamuno visto polo grupo Nós, a xeración que antecede á de Piñeiro. Mesmamente, engade cartas que escribiu a xente como Álvaro Cunqueiro, Pedro Abuín ou Ana Campos ata acadar un conxunto que posibilita un achegamento á súa idea da cultura galega, á que nos proxecta unha imaxe súa galeguista, culta e preocupada polo presente e polo porvir do galego, dos galegos e de Galicia. Pero é a preocupación dun home teórico, tranquilo, que asemella afeito á espera, alguén mediador entre o conservadorismo de Risco e de Otero e o ton máis combativo de Castelao, mais lonxe da postura deste ilustre a quen admira como artista e como símbolo: «A orixinalidade e a sabedoría do Castelao artista están sempre envoltas e animadas pola sinceridade do Castelao home. De aí que o ideal ético da xustiza teña unha primacía orientadora sobre a súa creación estética» (2).
Éme imposible imaxinar a Castelao dividido entre a ética e a estética, pois o certo é que vexo no de Rianxo alguén en quen a estética coincide de cheo coa ética. Ambas son unha, ambas son el. É un artista integral e moral, que non integrista, máis fordiano que Piñeiro, pois nel hai retranca e alma que non oculta as risas e as tristuras, un creador que toma das vangardas e doutras fontes —como a popular— para facer unha arte de seu e ao tempo nosa, inimitable e recoñecible. Ten mirada, ten voz, ten forma propia de Castelao. E iso non o atopo en Piñeiro, pois non é artista, senón un intelectual que dedicou o seu tempo a labrar amizades e a pensar na súa Galicia, que fose a que pensaban outros é xa outro conto, pois tanto na diáspora obrigatoria como no exilio interior existía diverxencia; aínda que dentro do país había que estar calado ou falar ás agochadas. E nesta longa noite de pedra, de férreo control e censura, tiñan que moverse os galeguistas que quedaban en Galicia.
É ben certo que Piñeiro advirte no limiar da súa preocupación pola lingua galega, tal como expresa no texto que titula «O menosprezo social da lingua», que data de 1972, tres anos antes da morte de Franco, e vinte e un despois da creación da editorial Galaxia, o Innisfree editorial. Esta nacía para preservar esa lingua tan desprestixiada e despoxada por parte das autoridades dende os Reis Católicos ata entrada a democracia, coa salvedade do Rexurdimento e da época que vai dende as Irmandades da Fala ata a guerra civil. E o que puido ser homérico para a lingua galega rematou sendo na posguerra saudoso para Piñeiro, que bastante fixo con ser fiel á súa lingua e á súa intención de conservala.
Notas:
(1) Francisco Fernández del Riego: Historia da literatura. Editorial Galaxia, Vigo, 1995.
(2) Ramón Piñeiro: Olladas no futuro (1974). Editorial Galaxia, Vigo, 2007.

Comentarios
Publicar un comentario