Voces
Por Antonio Pardines
No ventre do silencio é un dos últimos libros escritos por Xosé Luís Méndez Ferrín, onde novela lembranzas da súa etapa universitaria en Santiago. Pero non vou falar do libro, senón da ausencia e do silencio: finou un dos grandes escritores en lingua galega. Atribuír grandeza a quen acaba de morrer pode soar a loa fácil, pero o meu pensar e pesar non vai diso, senón de recoñecer que os máis grandes literatos adoitan ser obsesivos e teimudos. Tipos raros, que dirían algúns. Moi de seu e de carácter innegociable, aqueles que falan dende dentro, que non seguen as modas e cuxas voces poden resultar incomprensibles e molestas para a orde establecida. Pero esas mesmas voces discordantes acaban por escoitarse fóra e aí fanse recoñecibles para os lectores, que comprenden que, cando os len, ninguén máis lles podería falar dese xeito e con esas formas. Ningunha outra pode pasar por elas e menos aínda substituílas. Non as houbo antes nin as haberá despois. Só poden ser elas, atrapadas no tempo e fóra del.
Nas letras galegas temos algunhas imperecedoiras como as de Rosalía, Cunqueiro, Castelao, Blanco Amor ou Luís Pimentel. Hai máis, e por sorte algunhas seguen falando en vida. E logo estaba a de Xosé Luís Méndez Ferrín, unha voz que non sempre agradaba, pois non expresaba para acariñar os ouvidos dos seus lectores, senón para sacar fóra a literatura e a emoción dun pensamento aguerrido, culto, político e tamén a contracorrente. Dubido que ese camiñar oposto fose unha pose; véxoo como a necesidade de ser no mundo e fronte ao mundo ao que lle tocou pertencer.
Ferrín foi e é unha desas mentes creativas e destrutivas —pois non hai autor sen as dúas caras fronte á folla en branco— que iluminou o páramo sombrío dos anos nos que escribir en galego xa era un acto de rebeldía, mais aínda o era de amor a unha lingua e a un país que hoxe perde o home, o militante e o escritor, mais non a súa voz, a que fica na súa obra e a que o converte nun dos máis grandes escritores en lingua galega da segunda metade do século XX; aquel que traía a súa literatura para falar dende o clarescuro, entre a emoción e a razón, entre o sentimento e a política, dotado dun halo literario de seu irrepetible.
Fotografía de Xosé Calvo, 2007. Dominio Público.

Comentarios
Publicar un comentario