Militancia, desencanto e outros contos Por Antonio Pardines Premiado polo Patronato do Pedrón de Ouro, o relato que abre Crónica de nós (Edicións Xerais, 1980), A Sibila , transcorre na memoria dun narrador que lembra un feito misterioso e perigoso do seu pasado de 1925. Pero, como narrador, tamén é o inventor do relato, pois fálanos da súa incapacidade de devolver o momento pasado (a realidade) ao presente (a reconstrución). Só pode evocar, reconstruír e dar por boa a súa construción, aínda que esqueza, rechee ou se confunda, como acontece ao dicir que saían do cine de ver Metrópolis (Fritz Lang, 1927) cando, se un mira a data da estrea, sería unha proxección imposible, agás nun fado ou nunha fantasía da memoria. Tampouco podería asegurar se este ir ver o filme de Lang antes da súa filmación foi un erro do propio Xosé Luís Méndez Ferrín ou dese enigmático personaxe seu que lembra e revive a súa experiencia compartida con Domingo Areal nunha cidade húmida que, cargada de lendas e rep...