Dentro e fóra
Por Antonio Pardines
Na Autobiografía de Federico Sánchez e noutros dos seus libros, Jorge Semprún fala da situación fóra e dentro da España do franquismo nos anos 50 e 60. Coñecía as dúas realidades, pois pasaba a metade do tempo baixo a tapadeira «Federico». Baixo ese nome vivía na clandestinidade, nela procuraba preparar as células comunistas no interior do país. Pero non tardou en comprender as diferenzas dentro e fóra. Así chegou á conclusión que expoñería ao Comité Central do PCE e pola que o expulsarían do partido comunista. O certo é que comprendeu que existían dúas situacións excluintes ou, máis ben, unha realidade sobre o terreo e unha idea que facer pasar por real. Esta dábase en París, onde pernoctaban Santiago Carrillo e os seus fiéis seguidores, que ben libres estaban os santiños de contradicir ao seu líder. Alí, na Francia, a cúpula empeñábase na tese que diverxía da de Fernando Claudín e Federico/Jorge, que era testemuña da situación no interior. Existía a ruptura entre os ideólogos e os peóns, e Semprún o sinalou nunha reunión na que veu a dicir que a política do partido e a xuventude na rúa diferían como a noite e o día (sen eclipse solar).
Algo similar sentiu Max Aub cando visitou España en 1969, tras trinta anos de exilio mexicano, e descubriu que a ninguén lle parecía preocupar que vivían nunha ditadura, a que o fixo fuxir para salvar a vida ou non padecer depuración e anos de cárcere. Pero iso sería moito despois de que se perderán as esperanzas de depoñer o franquismo. Contabase que coa vitoria dos aliados se repusexe a Republica ou instaurasen outro sistema, tal vez unha monarquia á inglesa. Aub regresou e marchou. Aquel país xa non era o seu espazo, compredeu que non podía voltar definitivamente mentras vívise Franco. A diferenza do autor de O labirinto máxico, Castelao non puido retornar e comprobar de primeira man o panorama da súa Galicia natal. Nunca regresou, en 1950 tiveron que levar puños de terra galega para enterralo con ela no afastado (de Galicia) cemiterio de Chacaritas, na Arxentina. Xa na democracia, os seus restos retornaron. Era o ano 1983, e o Estatuto polo que loitara xa era unha realidade constitucional. Nese intre houbo certas protestas, porque algúns sentiron que os reaccionarios se estaban apropiando da figura do líder do galeguismo republicano federalista.
Anos atrás, a pouco da súa morte, a distancia entre dentro e fóra creou un cisma no galeguismo que enfrontou a Castelao (e aos seus) con Ramón Piñeiro e os do grupo Galaxia, aquel que xurdiu a inicios da década de 1950. Desa ruptura fala no seu estudo, Piñeiro contra Castelao/Castelao contra Piñeiro (2009), X. C. Garrido Couceiro. E tamén o aborda Suso de Toro na súa novela Terra de sacrificio (2025), na que fai literatura (inventa para ir alén da realidade e rabuñar a verdade) e lanza a súa hipótese de quen é Piñeiro, mais non pretende sentar cátedra. Aínda que crea na súa tese, na súa verdade, o escritor compostelano non impón, maila que roce a imposición pois non nega simpatías nin antipatías. Crea unha entrevista virtual e expón unha posibilidade do que aconteceu para que non se producise unha reunión en 1946 que puido ser clave para Galicia, cando Castelao, nomeado minsitro do Goberno Giral, viaxaba a París para exercer o seu ministerio. E na capital francesa estaba Piñeiro, mais non tardou en cruzar a fronteira e ser arrestado —o obxetivo da policía franquista non era o galego, senón Morell Milla, un dos dirixentes da ANFD— e encarcelado durante os seguintes tres anos.
Pero, sen obedecer ao cinismo, senón ao meu escepticismo, non lembra a división de intereses no bando republicano a que, en parte, xogou na contra da República; e que hai dos outros actores? Non só falo dos galeguistas como Luis Seoane —a súa preocupación social polas clases campesiñas dalgún xeito herda de Rosalía—, Ramón Suárez Picallo, Ramón Otero Pedrayo —católico, galeguista e un dos impulsores de Nós—, o ilustre Ramón Cabanillas, Francisco Fernández del Riego —clave na fundación de Galaxia—, Ricardo Carballo (Carvalho) Calero ou Xoan Xosé Plá —delegado do PG (do interior) en Francia—, senón dos vascos, cataláns, cenetistas, socialistas prietistas e os de Negrín, republicanos, comunistas, incluso os monárquicos de Juan de Borbón. Non penso que se poda entender o momento sen achegarse a ese tempo de ruptura entre os exiliados.
Sospeito que no libro de Suso de Toro falta este contexto histórico máis amplo, que sitúa a fenda máis alá dunha intención individual de Piñeiro —e os seus acólitos—. Na Arxentina, o exilio non era un bloque homoxéneo: existía o grupo do Consello de Galiza de Bos Aires, arredor de Castelao, pero tamén o intelectuais do Café Tortoni do que eran asiduos o propio Luis Seoane, Rafael Dieste ou o médico Antonio Baltar (o irmán pequeno de Ramón Baltar). Mentres tanto, en Europa, estábase a reconstruír non só un continente destruído, senón dous sistemas económicos que depararían a división do mundo en dous grandes bloques: un no que o capital estaría en mans do Estado —o cal, nos países comunistas, exercería como única empresa monopolística— e outro dominado polas grandes corporacións privadas, a maioría estadounidense ou británicas. Con todo, e con tantos factores e protagonistas máis que descoñezo, asáltame a dúbida de en que cambiarían as cousas nun interior asfixiado, cando xa o réxime franquista estaba asentado e aceptado polas potencias aliadas que preferían un ditador anticomunista antes que arriscar o sur do bloque occidental. Mais tamén cómpre dicir que de Toro non fantasea con que puido ser, senón que busca saber porque hoxe é así e cal é a responsabilidade de Piñeiro no devir da política galega dende a posguerra ata que Gerardo Fernández Albor —xenro de Ramón Baltar— asume a presidencia da Xunta de Galicia en 1981, unha política que aínda hoxe o escritor compostelán está convencido de que ven daquela. E non lle falta motivos para non pensar así, se vemos a liña continuista que segue o devir galego.
Amén de saber quen foi o home detrás da personaxe das biografías, Suso de Toro insiste en carear a o seu Piñeiro coa historia fóra de plano. Neste aspecto, o libro enlaza de modo directo cun anterior, cando quixo saber quen foi Ramón Baltar en Un señor elegante (2020) —na que séntense non poucos momentos de admiración por parte do autor, todo o contrario do que acontece neste encontro ficticio—, e que motivos levárono a non agardar por Castelao cando este chegaba a Francia para asumir un ministerio dun goberno no exilio e lle pedira ao mozo Piñeiro que se entrevistase con el. Na biografía que Xesús Alonso Montero adícalle a Luis Seoane, outro dos grandes protagonistas do galeguismo do exilio, o autor apunta sobre Piñeiro: «Sabido é que a cabeza —e o corazón— que, en boa parte, deseñaba ou suxería esa cultura foi aquel home extraordinario e abnegado que se chamou Ramón Piñeiro. Pero tamén é ben sabido que Piñeiro non era "comunista" e, mesmo, en cuestións importantes, era anticomunista. Por outra parte, sempre tivo moi claro Piñeiro que a “súa" editorial, Galaxia, en canto proxecto cultural (e político) na legalidade, tiña que evitar ser cualificada, pola opinión e polas autoridades, de marxistizante, condición que o Réxime de Franco non ía tolerar nunha editorial que xa era, para o Réxime, "separatista". Así pois, a muller do César tiña que ser onrada pero, sobre todo, parecelo, ou sexa, Ramón Pineiro, que non era "comunista", sabía que era útil esmerarse en non semellalo.» (1)
Non nego que fose un actor clave no devir de Galicia na metade do século XX, nin que Castelao sentiríase abandonado en París cando chegou para exercer de ministro no goberno de Giral, máis dúbido que Piñeiro fose o arquitecto do sistema político galego actual, tal como sinala Suso de Toro na súa estimulante obra que debate alén do principio do fin do Partido Galeguista, o cal pode establecerse en dúas datas: 1950, no exilio, coa morte de Castelao; e 1958, no interior, cando se decidiu por fin a loita política clandestina contra o franquismo e centrarse na cultura galega. E aí estaba Galaxia, unha editorial que non publicaría a Sempre en Galiza ata 1999. Sequera por pensar que un home só é incapaz de estar corenta anos a preparar el soiño un sistema a súa imaxe (2). Nin Franco, que precisou dunha constante axuda para ir adaptando a ideoloxía do réxime —que era doutros, aínda que as facia súas— ás demandas de cada época nin Stalin lograron tal cousa, por máis que fóra por ter que morrer e porque tampouco o construiu só. A moitos dos seus fiéis colaboradores os foi eliminando, seguindo a súa lóxica.
A verdade dun momento desaparece cando o momento esváese. Logo só nos quedan os feitos, os relatos e a posibilidade de xuzgalos. E iso é o que fai de Toro cando volve a vista atrás e atopa o cisma. Quere saber que hai de certo no relato que nos chegou. Pero é difícil, quizás imposible, mais non por iso vai deixar de cuestionarnos. É hai reside o verdadeiro interese dunha obra valente e combativa —a imaxe literaria do seu autor— como Terra de sacrificio ou como Piñeiro contra Castelao, na que Garrido Couceiro apunta datos de moito interese e sinala unha realidade que non se debe pasar por alto: a comunicación.
«Ao fin, as relacións entre Castelao e Piñeiro e os galeguistas do interior, non só racharán polas diferenzas de opinión senón mesmo pola dificultade de expresaren con claridade ditas diferenzas a través das canles de comunicación que estaban concertadas. Isto é, Piñeiro a través da CNT na cadea e os galeguistas do interior a través da rede vasca. A falla dunha vía galega fixo quizais que se afondase máis na fenda aberta e co tempo a rotura entre o galeguismo de preguerra e os autonomeados "mozos intransixentes do 30", entre o interior e o exterior, entre Castelao e Piñeiro, fíxose insalvable.» (3)
Notas:
(1) Xesús Alonso Montero: As palabras do exilio. Biografía intelectual de Luis Seoane (1994). La Voz de Galicia/Edicións Xerais, A Coruña, 2002.
(2) «Non son tan inxenuo como para crer que a Restauración Cultural da posguerra foi obra dun só individuo, crenza que nun marxista sería dobremente imperdoable. Tamén sería inxusto non mencionar, como mínimo, dous homes, cada un ó seu xeito, moi importantes para o proxecto (político) de Ramón Piñeiro». Eses dous homes a quen se refire Xesús Alonso Montero en Das miñas memorias: de Ben-Cho-Shey a Ramón Piñeiro, na obra colectiva Homenaxe a Ramón Piñeiro (Fundación Caixa Galicia, 1991), son Domingo García-Sabell e Celestino Fernández de la Vega.
(2) Xoan Carlos Garrido Couceiro: Piñeiro contra Castelao/Castelao contra Piñeiro. Edicións a Nosa Terra, Vigo, 2009.
Imagen de cabecera: catro libros.
Jorge Semprún: Autobiografía de Federico Sánchez (1977). Editorial Planeta, Barcelona, 1998.
Max Aub: La gallina ciega. Diario Español (1971). Editorial Renacimiento, Sevilla, 2021.
Suso de Toro: Terra de sacrificio. Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2025.
Xoan Carlos Garrido Couceiro: Piñeiro contra Castelao/Castelao contra Piñeiro. Edicións a Nosa Terra, Vigo, 2009.

Comentarios
Publicar un comentario