Fragmentos de nada: Ir de grolos
Por Antonio Pardines
Fai anos, cando adolescente, tiñamos na miña cidade natal o costume de facer o París-Dakar, unha tolemia que non cruzaba o deserto, senón o Franco, empezando no local da rúa Bautizados, o que hoxe está decorado con menús xigantescos como reclamos para turistas, e acabando no Senegal que está fronte á oficina principal de Correos, agora, na súa parte exterior cara Fonseca, convertida en fogar de senfogares. Poida que algún deles lembre o percorrido, incluso que o fixera na súa mocidade. Eran tempos de promesas, de xuventude, de troulas, era un mundo condenado a desaparecer sen sabelo. Porque un mozo nunca pensa desaparecer. Quizais por iso eramos indestructibles de pouca monta nunha cruzada salvaxe polo Franco adiante. Aínda que no seu inicio prometía festa rachada, pois nós nunca o faciamos por competir, senón por botar unhas risas. Mais non todos alcanzaban a terra prometida, e a ledicia inicial deixaba paso a outra cousa. Moitos caían polo camiño, poida que por exceso de velocidade á hora de botar o groucho correspondente en cada un dos locais que, arredor da trintena, formaban a etapa máis dura da movida oiteneira e noventeira santiaguesa. O conto é que había que tomar unha cunca, un quinto ou un terzo, como pedían os máis lambóns e presumidos de aguerridos, Aquiles de andar por casa e por bares que hoxe xa son contos; e a vitoria era acabar en pé.
Daquela non sabía que a botar un grolo outros o chamaban groucho. Iso aprendino lendo o libro que o coruñés Manuel (O’)Rivas titulou Os grouchos (Xerais, 2008), disque porque é a suma de varios tragos literarios —algúns xa publicados na edición galega do diario El País— nos que expón pensamentos e o seu bo facer coas letras. Rivas non se emborracha de si, nin nos pimpla a metade de camiño de grouchos sen sentido —o mellor absurdo segue sendo o do Marx—, como aquelas cuncas de viño que semellaba unha sopa de fideos sen a pasta e curtos de cervexa, quizais porque non o fixo todo de golpe, nin temos nós que bebelo dun só chopo, tal como se facía no París-Dakar. El máis ben faino saboreando cada grolo, que vai sumando nunha viaxe por estampas, momentos, peregrinaxes, ideas, personaxes e, como non?, Galicia, de como os galegos imos de grouchos culturais, políticos, festeiros, contentos, descontentos. Hai un pouco de todo no percorrido d’O Rivas, aínda que hai un chisco máis de querer falar ás claras e iso si que é unha boa meta, máis rebelde que perder o norde a metade de ningures, que é por onde din que cae calquera deserto.
Nota:
Imaxe tomada na rúa do Franco, en Santiago de Compostela, o 24 de setembro de 2026. Non hai intención comercial na foto. Hai décadas que non entro en ningún dos locais citados, Correos incluído. Fonseca é outro conto, pois ten un claustro digno de visitar, unha das bibliotecas con maior fondo literario de España e non poucas veces conta con exposicións de interese cultural e artístico. Así que aí se pode tomar algún que outro groucho simbólico sen temor a caer de fouciños.

Comentarios
Publicar un comentario