Luis Seoane. Primeiros pasos
Por Antonio Pardines
Quizais sexa máis coñecido pola súa obra plástica, pero Luis Seoane foi máis que un pintor e un ilustrador de sona. Tamén escribiu poesía, artigos e figuracións. Dirixiu a Casa de Galicia en Bos Aires, fundou revistas culturais, editou e reeditou unha morea de libros doutros autores para que a dura represión que asolaba a España non fixera calar á cultura galega, que durante os primeiros lustros do franquismo —poñamos de 1940 a 1960, aínda que Galaxia aparece no 1950— vivía no interior novos anos de escuridade que os exiliados como este artista humanista, galeguista e de compromiso e conciencia social, pretendían dalgún xeito iluminar. Mais, sobre todo, din que Seoane viviu na constante inquedanza, na procura de poñelo seu gra de area na mellora de Galicia e das súas xentes. Como? Dándolle voz e tamén imaxe.
Xa de neno, cando chega da Arxentina, onde os seus pais emigraran, abre os ollos á contorna. Primeiro en Arca (O Pino), que se converte nun lugar de aprendizaxe e de contacto co terruño e coas xentes ás que cantou Rosalía en Cantares Gallegos e que Castelao debuxou en tantas ocasións para denunciar a situación que sufrían. Pois foi aí, nesa aldea preto de Santiago, onde descubre a vida campesiña. Non se lle escapa que se trata dunha existencia condenada a miseria ou a partir cara outros lares na procura dunhas condicións dignas. El as tiña, pois era fillo de retornados que fixeron algúns cartos en América. Tiña oito anos cando pisou a terra galega por primeira vez e non tardaría en sentila súa.
En Arca foi onde observou a situación do agro, tal vez unha non moi distinta da descuberta pola nena Rosalía cando aos cinco anos foi a vivir coa súa tía paterna en Ortoño, outra aldea nas proximidades de Compostela onde a fala era a galega. Foi nesas aldeas onde contactaron co idioma e cos costumes do rural. Era un mundo que chocaría co de Santiago, onde o xove Luis aprendería a pintar xentes e momentos na feira de gando de Santa Susana, na céntrica Alameda compostelana.
Pero Galicia e a súa cultura era moito máis. Tiña unha historia detrás e o neno a sospeitaba. Non sabía cal, pero un par de anos despois, o rapaciño, xa afeito e adquirido o noso saudoso acento, iniciou a súa formación académica: entrou no instituto compostelano e, logo de concluir o bacharelato, estudou na Universidade de Santiago de Compostela a carreira de Dereito. Nas aulas universitarias e fóra delas tomaría contacto con outros mozos e con activistas da FUE (Federación Universitaria Escolar) e descubriría a poesía galaico-portuguesa medieval, o barroco galego nas rúas e prazas compostelanas, os «precursores», o Rexurdimento, o Grupo Nós e o Antigo Reino de Galicia. A curiosidade e a creatividade, a engadir a militancia, o seu republicanismo e galeguismo, empezaban a dar os seus froitos, tal vez por iso a profesión de letrado non era o seu maior interese.
Pouco exercería de avogado, aínda que abriu na Coruña o seu propio bufete. A súa intención laboral pronto quedou clara, pois no ano 1935 defendeu a obreiros relacionados con levantamento de Asturias de 1934. Isto non lle axudaría no verán do 36. Todo o contrario. Aquel estío, «camisas novas», pois vellas poucas había, andábano buscando pola Coruña adiante. Querían pasealo, tal como xa fixeran con Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño e Alexandre Bóveda, e a Luis non lle quedou outra que ocultarse, á espera de poder cruzar a fronteira portuguesa e fuxir do terror que se apoderara de Galicia. A súa terra estaba sufrindo unha represión feroz e programada para sometela a base de chumbo e medo. Iso quedoulle gravado, pero aínda sentía esperanza de retornar e unha tristura agónica e sen fin cando embarcou en Lisboa rumbo a Arxentina.
Imaxe (de esquerda a dereita): Laxeiro, Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane en Bos Aires, 1955. Dominio público.

Comentarios
Publicar un comentario