Fragmentos de nada: O Gagarin
Por Antonio Pardines
Chamábamoslle o Gagarin porque o seu nome era Iván Gago Arines e sempre andaba na lúa. Non había día nin clase na que o mestre lle preguntase e o Gagarin escoitase que falaba con el. Nin a berros conseguía que lle prestase atención. El seguía ao seu. E que era o seu? Soñar? Paspar? Nunca o souben e agora cústame imaxinalo. Era baixo ou alto para a súa idade? Gordo ou fraco? Tiña voz de pito? Só lembro o seu flequiño escuro ou claro cubrindo parte da fronte e que levaba anteollos de pasta, tampouco é que daquela houbese moitos modelos a escoller nin que fose moda de xente guapa. Pero ninguén lle cantaba «catro ollos capitán dos piollos»; que non había tantas lendres nin «saltacacholas» que chupasen o sangue como presumían os anuncios daquel «Filbi», diaño de champú!, que tanto empeño tiña en asustar as nosas nais. Pobre delas, pobre de nós, mais a miña era das que os cazaban e dábanlle matarile cos dedos. Que non farían cuns paus chineses? Magoa que entón só os había no cine e na televisión.
Gustábanos máis dicirlle Gagarin que Iván, Gago ou Arines. Aínda non sabiamos que era o apelido ruso dun tal Yuri, de quen soubemos en sexto curso que o puxeran fóra da Terra. O mestre explicounos que fora o primeiro home en órbita e que antes marchara ao espazo unha cadela. Manda carallo!, exclamou algún pillo polo baixo. Pero non lle faltaba razón, pois aquela revelación foi algo así como unha decepción. Todos nós, compañeiros do Gagarin picheleiro, pensabamos que el era o primeiro en pasar a xornada orbitando. E nun abrir e pechar de ollos, xa pasaba ao terceiro posto. É que no colexio non só empezan as amizades cómplices e o zurrar noutros, cando non es ti quen recibe a malleira no patio onde os demais corean «pelea, pelea», senón tamén onde se inauguran as decepcións.
Comprender que existía outro Gagarin, ademais da pequena Laika, non só significaba que o noso non era o primeiro fóra da Terra, senón que nos traía o interrogante de como era posible tal coincidencia e de que os humanos non fosemos os máis espilidos do planeta nin tampouco o golfiño, que nós diciamos «delfín», indistintamente, en galego, castelán ou «castrapo». É que a escola non deixa de sorprenderte, penso eu, que me pregunto se as coincidencias non serán realidades que conflúen nun mesmo tempo diante de nós, feitos que deparan unha sorpresa que xustificamos cun simple «foi froito do azar», que é a materialización de varias posibilidades dun total ao que o coñecemento humano non ten acceso. Tamén te achega ás cuestións e o cuestionarse, pois a escola non se reduce a unha sucesión de preguntas concretas e respostas, de tarefas e cualificacións, nin a un edificio de pedra, de ladrillo e cemento ou de palla, senón ao día a día, que é un espazo físico similar a onde o Gagarin pasaba as horas, un lugar onde se aprende e desaprende, e cun chisco de sorte incluso chegamos a aprehender.
Imaxe tomada en Porto, en febreiro de 2026.

Comentarios
Publicar un comentario