Un personaxe con dúbidas
Por Antonio Pardines
Quen vén sendo Suso de Toro? Daría un bo personaxe de ficción? É máis que posible, porque toda persoa carga a súa historia ao lombo e soamente cómpre un escritor con inquedanzas e capacidade de reconstruír, disposto a camiñar entre fantasmas, incluso no baleiro que terá que encher con ficción que ben podería achegarse a realidade. Necesítase alguén que asumiese todo iso para si e dese literatura ao conto, a un relato que, ás veces, non levará a ningures e outras nos achegue a algunha parte. Pero non vou facer del un heroe de papel nin un autor de ficción a quen busco coñecer para desvelar unha verdade máis ampla. Quédome co escritor na sombra, a que non coñezo, pero a quen imaxino traballando arreo e cheo de conflito artístico, emocional e humano. Nada coñezo dese home real. Só sei e só me corresponde dar a miña interpretación a súa obra literaria.
Que eu saiba cruceime con el unha soa vez, cantidade insignificante se se pensa que vivimos na mesma cidade e que Santiago apenas chega aos cen mil empadroados. Para el nunca aconteceu tal cruce, porque descoñecía quen era un rostro máis entre os que ocupaban as mesas do bar no que procuraba un sitio. Unicamente era un de tantos que se esquece ao segundo seguinte, pois, ao non ter un nome que unir a unha fisonomía ou unha cotiandade de proximidade ou de pasar pola mesma rúa, os sen nome carecen de significado. E nese intre ese insignificante era eu, mentres que o escritor tiña un nome que poiden unir a unha faciana grazas ás fotografías de circunstancias que asoman nas solapas ou contraportadas dos seus libros.
O conto vai de coñecer ou de crear un personaxe, que son dúas cousas moi distintas, aínda que non contrarias. A miúdo necesarias en sucesión: primeiro coñecer e logo crear ou pódese crear e logo coñecer… A literatura cando busca na realidade ten a súa orixe nas dúbidas, nos interrogantes, nas pesquisas que se levarán a cabo para dar luz onde había sombras ou para achegarnos a máis clarescuros, que é a zona máis humana. Logo tocará fantasear, dar co estilo axeitado, deixar saír a túa voz e estar aberto a novos camiños e ás moitas encrucilladas que che sairán ao encontro…
Pois o noso escritor fixo iso: tomou unha personaxe real de Santiago, Ramón Baltar —e familia—, e preguntouse quen era, alén do evidente que sinala o seu currículum médico. Nese senso, Suso de Toro fixo de detective e arqueólogo dun tempo non tan lonxano. Todo escritor que pretenda somerxerse na historia está condenado a facelo ou afogará no intento. E o autor de Tic Tac asume o risco. O resultado foi Un señor elegante (1), no que cuestiona, inventa, pois todo romance —así refírese o autor á novela— é unha loita entre a fantasía e a realidade, logo hainas que conducen a verdades como as que o escritor intenta achar, un novelista que asume a voz dun narrador omnisciente que se atopa na mesma situación que el: a de seguir as pistas necesarias para esclarecer e construír unha narrativa e un personaxe que non queden no cliché. Acádao, porque gran parte do libro é especulación sobre quen foi Ánxel Baltar e os seus fillos, Antonio e Ramón, así como Emma, a muller deste último, cando o verdadeiro protagonista e centro de interese para o autor é o propio escritor. Nunca está ausente das páxinas. Suso de Toro expón o proceso creativo e as dúbidas, así como emite xuizos a partir do que escoita de terceiros ou do que le en libros, cartas e documentos.
Notas
(1) Suso de Toro: Un señor elegante. Edicións Xerais, Vigo, 2020.

Comentarios
Publicar un comentario