domingo, 2 de agosto de 2026

Senón ecos



Senón ecos 


Por Antonio Pardines



O galego que aprendín dende o berce non era normativo, nin tendía a lusista. Era putativo, enxebre, rueiro. Era o que me chegaba das ondas de Malpica, das expresións dun barrio compostelán e dos contos de Cunqueiro ou os que, a carón da cociña de ferro, me contaba a miña bisavoa sentada no seu trono de buxo, como o material do que estaba feito o cabaliño de Neira Vilas. Nas súas variantes, falábase e fálase nas rúas, no agro e nos pobos, cadanseu natural cos seus matices humanos e xeográficos. Non hai política ou contrapolítica que poida dicir como falar. Un idioma con alma que sobreviviu e evolucionou grazas ás xentes, non ás normativas, non é de ningún partido nin bandeira. É da terra.


Agora, din que se trata de protexer o idioma, cando o que cómpre é vivilo, que é o que diferenza unha lingua morta dunha viva. O galego sobreviviu aos Séculos Escuros e chegou ao Rexurdimento pola viveza dos labregos, dos mariñeiros e doutras xentes que non o pensaban, mais o sentían seu. Esas voces falaban e o seu son pasou de xeración en xeración, mudando, evolucionando, sendo parte propia do seu camiñar. Xa fose o galego decimonónico de Rosalía, quen tomaría contacto co galego do agro cando nena, en Ortoño; Pondal viviríao en Ponteceso —ao ser un pobo na proximidade do mar, escoitaría aos mariñeiros da redonda poñer a alma no seu dicir— e Curros escribiría un galego máis elaborado, máis lonxe da fala do terruño, quizais por iso, con paso do tempo, perdeu impacto emocional. Ou xa no XX, o galego dos rianxeiros Manuel Antonio, Castelao e Rafael Dieste (1), non era prefabricado para homoxeneizar, senón composto de ecos das voces dunha terra e sons dunha fala popular. Logo chegarían as normas e a normativización, para unificar e crear unha fala académica, mais tamén unha menos heteroxénea, menos rica en matices e diversidade.


Notas


(1) «Pero el hecho es que nosotros éramos castellano parlantes. Todos, incluido Otero Pedrayo. No sé si Castelao… Pero no, ni Castelao ni Dieste. Los dos hablaron siempre en gallego porque son de Rianxo, que es un mundo aparte, y allí el lenguaje universal es el gallego. Y se les nota. Nuestro gallego es más de superestructura.»


Eduardo Blanco Amor, en Entrevistas con E. Blanco-Amor (edición de Victoria A. Ruiz de Ojeda) Editorial Nigra, Vigo, 1994.


Imaxe: O mar de Malpica, instantánea capturada en agosto de 2007, non pode domarse, como tampouco logran deseñarse as linguas nos despachos porque os idiomas non os falan os mobles. Un idioma con alma que, como o propio océano, non pertence a ningunha bandeira nin normativa de despacho, é de quen o fala e o escoita.

No hay comentarios:

Publicar un comentario