Tarkovskís e Bressóns
Por Antonio Pardines
Galardonada en varios festivales, entre eles Cans (Pontevedra) —a primeira película de non ficción en gañar na festa cinematográfica celebrada cada ano no municipio do Porriño—, Ser e voltar (2014) é unha curtametraxe meta cinematográfica de Xacio Baño que a un galego calquera como min podería soar forzada. O seu afán de enxebrismo ou o seu camiñar polo bosque de eucalipto, a árbore máis odiada de Galicia, soan igual de ríxidos ca a avoa vestida coa típica bata que as nosas nais lucían nas cociñas das aldeas e das vilas, antes de que o mundo dese o que ata o de agora é o seu último arreón. Pero o certo é que me parece un filme que pode pasar por caseiro, dito doutro xeito: feito pola man dun mozo que ten unha cámara e unha ilusión, amén duns protagonistas cúmplices: os avós que se prestan a dicir ou calar, incluso a morrer na fantasía do cinema. Pero, ante todo, Ser e voltar é a idea feita audiovosual de defender a súa elección profesional —¿e vital?— como cineasta. Aínda que cómpre sinalar que o fai profesionalizándose na imitación e nas influencias de Andrei Tarkovski e Robert Bresson. Con todo, sen acadar un chisco da poética sobre o tempo do soviético e do laconismo pictórico do francés.
Ante esta idea que me asalta, a pregunta que me fago é por que teño a sensación de que moitos cineastas de carreira pensan que forzar o silencio e a quietude fará deles grandes autores e artistas. Nin a arte nin a sensibilidade nacen de forzalas, senón dunha sinceridade interior que ás veces lastima e outras incluso resulta obsesiva. Tarkovski e Bresson facían as súas películas dende eles, sen agardar nin deixarse condicionar pola esperanza do aplauso. Penso que Chano Piñeiro na súa maxistral Mamsunción (1984) sinala un camiño que partindo do propio alcanza universalidade, pero que a miúdo desvirtuase por ese desexo de ser admirado ou tomado en serio. E cantos o acadan, alén dos premios e da popularidade, dúas cuestións aparte da arte e da sensibilidade creativa dos artistas?

Comentarios
Publicar un comentario