Fragmentos de nada: Saber a onde vas non implica que saibas ir nin chegar
Por Antonio Pardines
Quen presume e pregoa aos catro ventos que sabe onde vai, o sospeito bastante perdido, porque o ir non só depende dos nosos pasos e desexos, senón dos obstáculos, das forzas propias e estrañas, e das posibilidades que se abren e se pechan ao noso ir e vir ata chegar a algunha parte que signifique ter evolucionado. Os tópicos sempre me pareceron o opio de quen non sabe que dicir, pero que sente a incontrolable vulgaridade de ter que falar sen nada que enriqueza ou que convide ao diálogo e a reflexión. Con todo, hai numerosos exemplos na historia e na intrahistoria que os rompen e que poñerían en evidencia ao “topiquero” de quenda que intenta a graza sen comprender a súa desgraza.
Gustaríame ver a orientación dalgúns deles ao percorrer a orografía galega, chea de curvas, de subidas e baixadas, de entrantes e saíntes. A nós non nos custa moito, pois é a nosa e sabemos camiñala sen necesidade de cantalo en alta voz. Igual acontece nos camiños existenciais, que se dan na mesma diversidade que en calquera outro lugar, de xeito que comprendemos que existan tanto os orientados como os desorientados, incluso quen se acomoda na aparente quietude.
Pero, para non saber a onde imos, os galegos contamos na nosa historia co primeiro reino occidental tras a caída do Imperio Romano, o Reino Suevo, coa súa capital en Braga. Tamén contamos coa primeira armada dos reinos cristiáns peninsulares, construída por orden de Xelmírez para a defensa das nosas costas das incursións vikingas e andalusís, e coas revoltas Irmandiñas ou a decimonónica que acabou cos fusilamentos de Carral, a que se produciu uns anos antes do brindis pola democracia, a liberdade e a fraternidade no Banquete de Conxo no que os estudantes universitarios como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Rodríguez Seoane chegaron da man de obreiros composteláns. Os próceres da cidade tremían ante aquilo, pois tal vez pensasen que sería algo así como aquel recibimento dos veciños de Santiago ao arcebispo Berenguel no Baixo Medievo; cando tivo que pasar varios anos acantonado no castelo de Rocha Forte, nas inmediacións da localidade que lle negaba as chaves.
Pero moito antes, Teodomiro inventou o Camiño e moito despois o poeta Alejandro Finisterre, o futbolín español —pois din que había un inglés anterior—, dous entretenementos que aínda son de actualidade. E a poeta de rimas e psicoloxía máis moderna do século XIX, podía ir onde quería? E a primeira catedrática? E un dos Premios Nobel de Literatura na súa viaxe pola Alcarria e pola vida? Sabían a onde ían? Haberá que preguntarlles ao historiador Paulo Orosio, a Manuel Murguía ou a Salvador de Madariaga. De paso que nos conten Xosé Chao Rego e Otero Pedrayo quen foron «O santo dos croques», Afonso Raimúndez, alias Afonso VII, o decapitado Prisciliano, «Matemático» Rodríguez, o cartógrafo Domingo Fontán, Aller Ulloa, Valle-Inclán, a pintora Maruja Mallo, a travestida Concepción Arenal, o xornalista revolucionario Antolín Faraldo, a viaxeira Exeria, o xornalista Julio Camba, o médico xenetista Ángel Carracedo, Pucho Boedo, Luis Suárez ou aquel matrimonio que empezou cosendo batas. Incluso poderían responder onde naceu quen trouxo o socialismo a España ou quen foi o cineasta que desenvolveu o cinema documental durante a Segunda República.
Por nomes propios que non sexa: Daniel Castelao, Rafael Dieste, Luis Seoane, Laxeiro, Carlos Velo, Santiago Casares Quiroga, a súa filla María, Portela Valladares, Líster, líder militar comunista, e tantos exiliados máis, si sabían a onde ían: ao exilio, lonxe do seu fogar, condenados por ese outro galego que se fixo ditador de por vida. Claro que, máis alá deste tipo de imposicións forzosas, quen pode predicir as bifurcacións, os atallos e as barreiras do seu camiño? Ninguén pode, como tampouco o curmán do meu pai sabía o que o agardaba naquela estrada vasca. Ou é que non o sabía só por ser galego?
Imaxe: De camiño a Neda, 10 de outubro de 2026.

Comentarios
Publicar un comentario