A contradición das chamas
Por Antonio Pardines
A novela máis ambiciosa de Manuel Rivas, e que amplía o seu universo literario e memorístico, é a suma de momentos que dá forma a Os libros arden mal (2006), que enriquece a literatura sobre a guerra civil e de posguerra, mais non o fai con ansias de repetir consignas nin de sentenciar o que debemos matinar. Rivas posiciónase a prol da liberdade, da fantasía, do amor non só polos libros, senón polos contos e os contistas, polos marxinais e perseguidos, por quen soña e atopa refuxio nunha grúa ou nunha rúa a carón do peirao. El mesmo é un deles, e máis que falar parece debuxar con palabras un panorama amplo, imaxinativo, agridoce como o cine de Chaplin, que é un dos míticos debuxados por Siro López na Praza do Humor da Coruña, a cidade viva na que Rivas desenvolve as distintas historias. Todas conflúen nesa localidade a beira do mar na que loce o faro de Hércules, que aínda hoxe ilumina e guía, mais, coa música que soa máis co son do mar e cos milleiros de visitantes, xa parece doutra galaxia, doutro conto.
Tal como fixera en O lápis do carpinteiro (1998) e faría en O último día de Terranova (2010), o escritor xoga co tempo narrativo. Lévanos pola imaxinación e a realidade da Galicia da represión e do franquismo, incluso, no caso da última novela, ata os nosos días de especulación urbanística para retornar ao pasado. Pero as tres teñen en común que os soñadores non son ilusos, senón aqueles que suman soños rotos e aínda así néganse a deixar de soñar porque soñar é un nutrinte vital, e parte do seu sangue.
Rivas é un contacontos excepcional, que non precisa linealidade narrativa, que fuxe do sota, cabalo, rei, é dicir, das autoestradas e liñas rectas que dominan a literatura de consumo. Deixa o tempo lineal para outros, el vai dando chimpos e prefire as curvas. A súa narrativa, a que fai en Os libros arden mal, viaxa por diferentes momentos, niveis e personaxes; incluso cada un dos grouchos literarios ao que nos convida, e que van dando forma á novela, poderíanse tomar (e ler) illados e terían sabor e sentido de seu. Mais xuntos crean un fresco de indubidable valor literario e memorístico, un labirinto de emocións, de silencios, de sentimentos, de débedas, de inocencia e culpas, de vida e existencias.
O autor non só fai que os seus personaxes retornen unha e outra vez a aqueles días de 1936 nos que os falanxistas coruñeses, xa con Galicia tomada polos rebeldes á República, queiman centos de libros na Praza de María Pita —a heroína que liderou a defensa da cidade herculina do ataque dos ingleses—, senón que nos achega as súas perspectivas, tamén a resignación ou a ambición, cando non a mesquindade. Mais o libro brilla nun halo de fantasía cando toman protagonismo o Polca e a súa filla, o Hércules do Papagaio, a rúa na que a prostitución non é ideolóxica como si é nos despachos da censura, e o Terranova, que soñaba ser un novo Pucho Boedo para alegrar as xentes nas festas e nas romarías, ou incluso Gabriel, o fillo do xuíz Samos. Este maxistrado, no ano 1962 amigo do novo ministro de Información e Turismo, é a principal autoridade na queima dos libros entre a que se contaba a enorme biblioteca de Santiago Casares Quiroga —presidente do Governo cando se produce o golpe de Estado—, un tesouro bíblico na Panadeira número 12 que non chega a arder na súa totalidade porque os que odian eses libros tamén sinten atracción por eles, sinten a codiza de posuílos.
Imaxe de cabeceira: Fotografía tomada na Praza do Humor (debuxos de Siro López), A Coruña, 12 de outubro de 2026.

Comentarios
Publicar un comentario