Risco e os faiados da arte
Por Antonio Pardines
Na súa viaxe a Alemaña en 1930, Vicente Risco vai falando do que ve e do que pensa sobre algúns aspectos do seu interese e de actualidade. Nos primeiros atopamos a un home íntimo, católico practicante, que intenta equilibrar a súa idea do ser co seu sentir no mundo moderno, o cal ve como unha ameaza para o espírito. Entón xorde o reflexivo da contorna, o intelectual que pensa e saca as súas conclusións, incluso aquel que non ten medo de expresarse a contracorrente, porque é consciente da súa particularidade, dos seus gustos, inquedanzas, coñecementos, pensamentos. Así fala, e así vai narrando a súa experiencia no país que por entón, e xa antes, atraía a parte da intelectualidade occidental. Unha proba sería Ortega y Gasset, entre outros pensadores españois que cursaron e completaron a súa formación académica en Alemaña. Risco non aspiraba a tanto; el chegou para facer un curso de verán sobre o folclore alemán, mais as cousas rara vez saen como as planeamos. Así que, superada a frustración, pasea e visita lugares como os museos, cando non forma parte dunha masiva xuntanza católica nun estadio, achégase a Potsdam ou ao lago onde Robert e Kurt Siodmak, Edgar G. Ulmer, Billy Wilder, Fred Zinnemann e compañía acababan de rodar Xente en domingo (Menschen am Sonntag, 1929) e lle choca ver a homes e mulleres case espidos.
A lectura de Mitteleuropa vai debuxando na miña mente a imaxe dun autor cunha bagaxe ampla, de pensamento propio, mais marcado polas ideas que máis se axeitan a esa tendencia ao tradicionalismo que comparte con outros galeguistas e amigos. Pero noutros aspectos, esa mesma postura fai del un pensador radical, incluso valente á hora de enxuizar e ditaminar sobre as ideoloxías que dominan o Berlín da época, que non son moi distintas ás doutros lugares de Europa. Se ben non teño que estar de acordo con moito do que di Risco, non podo negar que a lectura da súa viaxe deparou algún momento que me sacou un sorriso ou un dicir «o rapaz tiña talento», «ás veces non lle falta razón» e «un pensamento afiado e armado de moita cultura e erudición». Hai intres, como onde fala da importancia dos portugueses ou cano di do turista que «xa que o aturamos, cómpre que pague» (1), que me chamaron a atención porque é unha mirada que semella de hoxe, como tamén o semella cando fala dos museos, aos que compara con faiados. Non disinto da súa comparación; incluso penso que non anda desencamiñada —pois antes as obras nacían sen a finalidade museística, se penso que os museos naceron para preservalas non para apurar a súa creación— e que tamén o noso pensamento son faiados onde gardamos recordos, coñecemento, trapalladas, lerias e esquecemento, pero estes forman parte doutros contos. O de Risco é como segue:
«Cómpre ver Museos. No medio da nosa civilización mecánica, os Museos son, coma se dixeramos, o faiado das chafalladas vellas; un faiado de toda honra, claro está; un faiado de xubilación honorable. A arte nos Museos é arte histórica, arte morta. O máis triste é que xa se pinta para os Museos. Nos tempos da arte viva, as obras facíanse para as igrexas, para os pazos, para os edificios públicos, para as casas, non para os Museos. Ata certo punto, ben que foran para os Museos as obras antigas, as obras doutro tempo, que quedaron vellas; mais que se fagan xa para o faiado, é o que se non comprende ben. E mais así é: nestes Museos, hai cadros pintados onte, cadros das escolas máis novas, das escolas de moda; inda ben non os pintaron, e xa viñeron aquí, e o peor é que xa os pintaron con esta idea, e que os autores téñeno coma grande honra. Non hai proba máis grande do refractaria á arte que é a vida de hoxe.
Por iso precisamente cómpre vir aos Museos. O amante da arte, vaina procurar así sexa no faiado. Mais non soamente o amante da arte; a instrucción pública empurra cara ós Museos unha chea de xente que non ten máis remedio senón ir. E esta é a xente que amoca a un nos Museos. O culto da arte vaise facendo cada día máis un culto de catacumbas, un culto de iniciados. Hai tres castes de iniciados: os do oficio, os artistas, que van deprender; os críticos, os historiadores, que van estudar; e os... diletantes, entre os cales hai algúns que son os que dan na verdadeira gracia da cousa. Cómpre para iso envolverse nun eficaz isolamento espiritual, o cal non sempre é doado. Logo que decote hai cousas de máis nos Museos, que son máis almacéns que outra oculte. En fin, morra o conto.» (2)
Notas:
(1) (2) Vicente Risco: Mitteleuropa. Editorial Nós, Santiago de Compostela (entre a itinerancia dos talleres temporais das rúas das Hortas e do Vilar onde Ánxel Casal ía imprimindo), 1934. Houbo unha reedición por parte da case tan mítica Editorial Galaxia, editada en Vigo, en 1984.

Comentarios
Publicar un comentario