Da periferia atlántica á decadente Centroeuropa
Por Antonio Pardines
O título Mitteleuropa (1934) podería levar a pensar que se trata dun libro de Claudio Magris, pero resulta que é de Vicente Risco, de cando Magris, nado en Trieste en 1939, nin era un proxecto biolóxico dos seus pais nin, evidentemente, o estudoso da Europa Central que desvelou O Danubio (1986). Daquela, o autor de O porco de pé (1928) xa era unha das figuras máis sobresaíntes do galeguismo anterior á Guerra Civil (1936-1939) e un dos líderes do grupo de Ourense, do que tamén formaban parte Florentino López Cuevillas, Xosé Ramón Fernández-Oxea «Ben-Cho-Shey» e Ramón Otero Pedrayo, quen non inclúe a Risco entre os históricos aos que dedica un capítulo no seu O libro dos amigos (1952), ausencia que me fai cavilar sobre as relacións e os egos.
Corre o ano 1930 cando Risco emprende a súa viaxe á Alemaña da República de Weimar. Pero a Gran Depresión, a que seguiu ao «crack» de outubro do 29, deixa ver que o sistema agoniza. A débeda asfixia, o paro está de moda e os prezos dispáranse dun día para outro na imparable caída do valor dos cartos. Só agarda a que lle den matarile. E así acontecerá en 1933, co ascenso dos nazis ao poder. Mais o intelectual ourensán non será testemuña directa dese despropósito que, indirecta e directamente —durante a Guerra Civil—, tamén afectaría a Segunda República.
Por entón, en España cae a ditadura de Primo de Rivera e os novos aires parecen anunciar que a República é un futuro inmediato. E así será, aínda que antes estea a ditablanda de Berenguer. Máis ou menos esta é a situación política nos dous países, orixe e destino da viaxe na que Risco observa na Alemaña o antisemitismo, o militarismo, o nacionalismo e o nacionalsocialismo, aínda en tempos de democracia. En España, esta chegaría un ano despois, en 1931, cando o Segundo Rexurdimento da literatura galega xa está a dar os seus froitos.
O autor de Mitteleuropa, publicada como libro en 1934 pola editora compostelá Nós, do impresor coruñés Ánxel Casal —o último alcalde do Santiago de Compostela republicano—, era un dos protagonistas da recuperación do galego emprendida polas Irmandades da Fala e o Grupo Nós. Risco divide o seu libro en seis partes. Dedica a primeira á viaxe ata Alemaña, cruzando de Galicia a Castela en tren e avanzando polo País Vasco. Logo a Francia e de aí ao país de Goethe, Schiller, Heine e doutros non tan creativos. Xa nas terras do Rhin, visita Colonia e Bonn, da que non sabe que será a capital da, naquel momento, impensable República Federal de Alemaña. E é que non podemos predicir o futuro, apenas ver o presente mentres imos esquecendo o pasado; nin sequera pode un intelectual nin un adiviño. E así, a cegas, continuamos viaxando. Mais algo vemos, non si?
Risco contempla e pensa no que ve. Apúntao como se fose a mestura dun diario e dun libro de viaxe. Ten boa prosa, que por momentos aspira a ser máis creativa ca descritiva. E iso engádelle valor literario ao seu traxecto. E así, finalmente, chega a Berlín, a cidade do corazón prusiano —a veciña Potsdam á parte—, á que dedica o resto de Mitteleuropa, un libro de viaxe xeográfica, humana, cultural e intelectual que aparecería publicado por primeira vez por entregas na revista A Nosa Terra.

Comentarios
Publicar un comentario