Como lector, na procura de camiñar diferentes lecturas, sempre agradezo o esforzo de escritores como Suso de Toro, que dende o primeiro momento quiso ter unha voz propia e buscar unha narrativa de seu. Acadou ambas, diso non me cabe dúbida. Tic-Tac e unha proba irrefutable, ademáis de ser unha novela distinta, ao que adoitábase escribir en lingua galega (e noutras peninsulares), que leva ao extremo o estilo narrativo e os temas xa expostos polo autor compostelán en Polaroid. E resulta un acerto narrativo, porque a súa escritura da pe a ruptura constructiva que abre novas vías para falar de nos, as persoas, non de estereotipos, en diferentes tempos da vida e da memoria, pero máis impórtate, se cadra, é que depara unha lectura da actualidade que atrae e atrapa aos lectores nun mundo feito de pezas que dan un todo que xira arredor de Nano, o pensador e artífice das reflexións que comparte para facernos partícipes da súa realidade. Esa realidade, que non dista tanto da nosa, agás pola forma de vela e explicala, mestúrase coa cotidianidade cambiante, en fuga, sen decatarnos da súa velocidade de escape, a que nos empurra cara diante mentres nos empeñamos en mirar cara atrás —ou como Ulises, sexa de Homero ou de Joyce, intentar regresar a un punto xa inexistente—, e a fantasía, tamén co humor, máis negro de costumista, a crítica, a tenrura, a dor, a soidade e outros aspectos humanos. O escritor nunca escapa, enfróntase de cara ao lado tráxico da vida, asume con acerto a presenza da morte e o paso do tempo, o devir que, inevitablemente, antes ou despóis mata os nenos e nenas que fumos, para facer de nos “adúlteros”, o mesmo devir que botaranos fora da existencia para ir a parar a pataqueira, que é a nada. Positivamente, influenzas de “Romero” e referencias a Ulises hainas, tamén de Rosalía e de Cunqueiro, que fixo o seu Orestes e o seu Ulises en dúas novelas tamén diferentes, para dar algo así como o que Anxo Tarrío Varela deu en chamar <<toda unha poética do barullo que caracteriza á sociedade de consumo>>. (1) Nun artigo publicado no diario El País, o 17 de xunio de 1993, reprodúcense unhas palabras de Suso de Toro que, máis ou menos, din que Tic tac é a novela que soñou toda a vida. <<Como se fose o meu Ulises>> e tamén un fin de ciclo… Bo peche, por certo.
(1) Anxo Tarrío Varela: Literatura Galega. Aportacións a unha Historia crítica. Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1994.
No hay comentarios:
Publicar un comentario