domingo, 13 de julio de 2025

Rafael Dieste e Dos arquivos do trasno

Rafael Dieste e Luis Seoane. Fonte: Wikipedia

Avanzaba na lectura e non deixaba de repetirme pensamentos de admiración pola desbordante fantasía e sabedouría contista que Rafael Dieste espalla en Dos arquivos do trasno, cuxa primeira edición aparece en 1926 e conta oito relatos que marcan un paso decisivo no relato en galego: moderniza o xénero. A versión definitiva, a publicada en 1973, suma vinte historias en apariencia sen relación entre elas; mais non é difícil descubrila na presenza da soídade e da morte —entre o cotiá e o extraordinario, no monte ou no mar— e na fina ironía do autor, un dos poucos da época Nós que era galego parlante. Segundo conta Eduardo Blanco Amor: <<nosotros éramos castellano parlantes. Todos, incluido Otero Pedrayo. No sé si Castelao… Pero no, ni Castelao ni Dieste. Los dos hablaron siempre en gallego porque eran de Rianxo, que es un mundo aparte, y allí el lenguaje universal es el gallego. Y se les nota. Nuestro gallego es más de superestructura>> (1) O de Dieste non parece que obedeza a unha organización lingüística e narrativa tan estudada e traballada como a do autor de A esmorga, título que marca un antes e un despóis na narrativa galega. Pese a só publicar dúas obras de ficción en galego —idioma que empregou en numerosos artigos periodísticos e en ensaios como o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega A vontade de estilo na fala popular—, Dos arquivos do trasno e a peza teatral A fiestra valdeira, nótase en Dieste que o idioma xorde natural, como tamén o fai nos seus dous paisanos Castelao e o poeta Manuel Antonio —de quen Dieste, en 1940, traduxo ao castelán o magnífico poemario De catro a catro—, autores que mamarían o idioma dende o berce, non así aconteceu cos ourensáns Blanco Amor, Otero Pedrayo ou Risco, que empregarían o galego xa nunha época de madurez. Mais esa diferenza non afecta a que uns e outros traballen os seus estilos literarios e que sexan referencias imprescindibles na lingua galega; e aquí o adxetivo “imprescindible” non é un adorno, senón unha realidade indiscutible que os distingue.



O escritor rianxeiro apunta na introducción, <<a unidade emotiva consíguese no conto pola obsesión do que ten de sobrevivir>>. (2) Os relatos sitúan aos seus protagonistas fronte a morte, a propia ou a de outros, en todo caso, son careos que teñen perdido, mais o conto é a forma na que actúan, a súa psicoloxía, e a fantasía que os rodea, sexa por medo, por touzudez ou por un desexo imposible que, no caso da señora Resende, é o retorno do fillo… Pero tamén destaca a cercanía acadada por Dieste, que apela ao lector, as veces de xeito directo, ao involucrar aos lectores nos relatos mediante preguntas dos narradores (cando tamén son protagonista). De tal meneira rompe distancias, conscente do xuicio de quen lee as historias, para póñelo na súa situación e invitalo a seres cómplice, máis que á reflexión… No “limiar” da edición definitiva pode lerse que <<o conxunto forma un volume dotado de singular encanto e poesía, dúas virtudes que constitúen o cerne de toda a obra literaria do seu autor, pero dun xeito especial dos relatos breves, xénero no que o escritor de Rianxo foi un verdadeiro mestre.>> Tamén o foi en lingua castelán, a que empregou na meirande parte da súa obra escrita e a que, xa no seú exilio boarense trala guerra civil —seu republicanismo era ben coñecido, ao ser un dos encargados das Misións Padagóxicas levadas a cabo durante a República—, regalou entre outras creacións literarias Historias e invenciones de Félix Muriel, conxunto de contos publicados en Buenos Aires en 1946, e que non terían edición española ata 1974. Con todo, non atopa mellor forma de concluir este breve achegamento a Dieste que deixando que sexa o seu amigo Luis Seoane, que nesta edición ilustra o texto con seus debuxos, o que poña o broche. Nunha das súas Figuracións, Seoane escribe que <<Dieste é unha das máis outas personalidades galegas. A súa influencia intelectual exerceuse en moitas figuras notábeles de Galicia e de fóra dela […] A literatura galega por dous dos seus libros fundamentales, “A fiestra valdeira” e “Arquivos do trasno”, débelle moito, como tamén o periodismo galego de uns anos e algunhas ramas do coñecemento a traveso dos seus ensaios encol de problemas estéticos, filosóficos, matemáticos, de filoloxía, etc.>> (3)


(1) Eduardo Blanco Amor: Entrevistas con E. Blanco Amor. Editorial Nigra, Vigo, 1994.


(2) Rafael Dieste: Dos arquivos do trasno. Editorial Galaxia, Vigo, 1995.


(3) Luis Seoane: Figuracións. Editorial La Voz de Galicia, A Coruña, 1994.

No hay comentarios:

Publicar un comentario