Intres no silencio e no ruído de guerra
Por Antonio Pardines
Un dos mellores libros de ficción sobre a guerra civil española é A sangre y fuego, (1) que Manuel Chaves Nogales escribiu en 1937. Nel o xornalista sevillano recolle varios relatos que permiten ampliar o marco do momento sen buscar compracer a ninguén, só comprometerse coa realidade que sente e da que é testemuña directa ou indirecta. Así fai un fresco brutal que achega ao lector o sinsentido. Algo similar sentín ao ler Ruído. Relatos de guerra, (2) unha obra composta por trece instantes bélicos da guerra dos Balcáns, en concreto da liorta en Croacia no ano 1991 onde o autor cubría a desfeita bélica como reporteiro independente. Publicado en galego en 1995 —e posteriormente traducido ao castelán e a outros idiomas—, o libro de Miguel-Anxo Murado séntese honesto porque non se apoia no cliché nin pretende impoñer unha única perspectiva, pois, como Chaves Nogales, fuxe de heroes e viláns, nin pretende alardear de que estivo alí. Como o propio escritor apunta antes de entrar en materia, aspira a ofrecer aspectos da condición humana. O resultado é menos heroico e cínico —no senso de estar de volta de todo— co de Arturo Pérez-Reverte en Territorio Comanche, (3) obra publicada en 1994. A de Murado é menos autobiográfica e «tribal» ca obra do popular exreporteiro de RTVE, pero tampouco busca explicar as causas nin a situación na que estoupa un conflito que viña de lonxe, tal como calquera lector de Un puente sobre el Drina (4), novela río-secular escrita polo Nobel Ivo Andrić en 1945, podería apreciar sobre o caso serbio-bosnio, aínda que neste caso concreto habería que acudir á Segunda Guerra Mundial para comprender a situación de croatas e serbios —a heredada do réxime da Ustacha croata e dos Chetniks serbios—. O escritor, guionista e xornalista galego só pretende expoñer desde a perspectiva dos implicados, aínda que non só a dos reporteiros, pois tamén dá cabida aos equipos de caza humana e á xente de a pé como o chatarreiro, o limpiabotas manco ou a humanitaria Anna… Tal vez por iso non dubide en introducir os relatos da seguinte maneira:
«Este libro reflicte na súa parte o universo da guerra de Croacia do ano 1991, unha curta e brutal matanza, sempre susceptible de ser superada. Non é unha crónica, sen embargo, sobre eses acontecementos, senón, se acaso, intenta selo sobre algúns aspectos da propia condición humana.» E que, como dicía Ryszard Kapuściński, «escribir é unha selección, unha elección, unha decisión». (5) Murado elixe a ficción, pero sen poñerse no centro da imaxe: decide apartarse para que o lector poida ver un panorama no que a normalidade na que se sitúa a condición humana é a guerra.
Notas
(1) Manuel Chaves Nogales: A sangre y fuego. Libros del Asteroide, Barcelona, 2013.
(2) Miguel-Anxo Murado: Ruído. Relatos de guerra (Galaxia, Vigo, 1995). La Voz de Galicia/Editorial Galaxia (Biblioteca 120 Galega), A Coruña, 2002.
(3) Arturo Pérez-Reverte: Territorio Comanche. Ollero y Ramos, Madrid, 1994.
(4) Ivo Andrić: Un puente sobre el Drina (traducción de Luis Castillo). DeBolsillo, Barcelona, 2009.
(5) Ryszard Kapuściński: Los cínicos no sirven para este oficio (traducción de Xavier González Rovira). Editorial Anagrama, Barcelona, 2002.
Imagen de archivo: Pakeha, bajo licencia CC BY-SA


No hay comentarios:
Publicar un comentario