Fragmentos de nada: A puta que a pariu Por Antonio Pardines Dende que o ser humano tomou conciencia de estar vivo tamén se nos revelou a certeza de ter que morrer. A morte chegou ao mesmo tempo que a vida e con ela veu o medo que intentamos afastar coa invención da superstición e do alén. E niso andamos dende entón, sempre temendo a puta da parca e a súa danza macabra. Esa que se deita con todos: reis, papas, arribistas, esteticistas, idiotas, burócratas, labregos, porqueiros, mendigos…, e cóbranos canto temos, indistintamente de se queremos ou non pagar. A súa natureza é insaciable e a nosa, finita. Intentamos borrala do noso maxín ollando cara a outro lado, aspirando á inmortalidade que agardamos achegue a ciencia —sen pensar que a consecución de tal utopía acabaría coa especie humana— ou aferrados ás crenzas e ás promesas relixiosas. Mais nada do que fagamos servirá, pois aí seguirá ata o noso fin. E despois? Nunha entrevista concedida á revista Nosferatu , Rafael Azcona dicía que a...