sábado, 17 de mayo de 2025

O pan e o pimpampum de Carral

Fotografía: pan dunha panadería de Carral (Fonte: El país)

Entre Santiago e A Coruña úbicase Carral, unha poboación duns seis mil cincocentos habitantes que, sen data fixa, no mes de maio, celebran a súa tradicional festa do pan —este ano caeu o 10 e 11—, producto polo que é famosa en Galicia e fora dela. Pois ese pan seu é sinónimo de artesanía e de bo facer panadeiro, mais tamén é coñecida, aínda que non por moitos, polos fusilamentos acontecidos na cuarta década do século XIX. Nos precursores (Los precursores), Manuel Murguía adica o primeiro capítulo ao periodista betanceiro Antolín Faraldo, a quen considera <<el verdadero iniciador del movimiento provincial>> que derivou no galeguismo e tamén nunha loita romántica, porque era unha loita perdida ao tempo que soñadora e, por esa ilusión, emancipadora e nunca derrotada na súa idea, aínda que na realidade estivese condeada a non ser. Como lembra Murguía nese mesmo capítulo, <<Todo se había perdido en la funesta tarde del 23 de abril de 1846, cuyo ocaso se iluminó con los más vivos resplandores. Un solo combate fue suficiente para poner entre los sueños de la víspera y la realidad del día siguiente, todo un mundo de dificultades y de olvidos.>> Mais non por saberse na derrota —confirmada ese día 23 en Cacheiras—, o feito será inútil; xa que, probablemente, sen ese intre rebelde non existiría o Rexurdimento literario tal como se coñece; é dicir, Rosalía, Curros, Pondal, o propio Murguía ou, mesmamente, Aurelio Aguirre, serían outros… Dez anos despois, Aguirre e Pondal serían protagonistas no Banquete de Conxo, onde renderon homenaxe aos “mártires de Carral”.


Fotografía: wikipedia

Respecto aos fusilamentos, na popular wikipedia, na entrada adicada a Carral, nada comentan deste feito histórico, tampouco noutras páxinas na rede ou fora delan que abordan a Galicia decimonónica, quizais porque xa a propia derrota dúns e a victoria doutros fixo algo así como maxia. E a ninguén escapa que a maxia é a ilusión capaz de facer desaparecer (e reaparecer) o existente, ou facer como se non existise. Así que todos somos un pouco magos con aquilo que non é do noso interese ou resulta molesto. E dándolle voltas o tema de “agora vesme, agora non”, díxenme que non era o primeiro nin sería o último dos feitos que parecen omitirse por sistema, sobre todo cando a historia contase dende unha perspectiva que olvida outra. Pero os feitos históricos son os que son, aínda que quen os conte os omita por esquecemento, desinterese ou interese; e dese xeito, se un busca, acaba por atópalos, incluso na mesma wikipedia, onde os fusilamentos de Carral asoman nunha entrada que leva por título Levantamiento de Solís. O apelido corresponde ao do coronel gaditano Miguel Solís y Cuetos, que foi quen iniciou a revolta militar nun movemento liberal que levántabase contra o moderado Narváez, por aquel entón ao fronte do goberno central. Pero non só tratábase dun movemento progresista español fronte ao conservadurismo no Poder, senón un que, na súa vertente civil e galega, proclamou o 15 de maio en Santiago de Compostela a Xunta Superior do Reino de Galicia e rearmou, para a loita, o mítico Batallón Literario, creado no seo da Universidade compostelana, un Batallón que xa tomara as armas décadas atrás; entón, contra as tropas napoleónicas. Para historia española, na súa interpretación castelán, é un levantamento máis, que moitos autores pasan de largo, en troques, non o é para a galega porque significa, máis cunha revolución, un grito no tempo, o facerse ouvir tras séculos de silencio e sometemento. Era un dicir “xa abonda”, como corroboran os artigos de Faraldo e a súa proposta, da que Castelao fala en Sempre en Galiza: <<Antolín Faraldo —que era provincialista— propuxo a independencia de Galiza na sonada asamblea liberal de Lugo de 1843, atrevimento que non tivo ningún rexionalista.>>

Antolín Faraldo (fonte: Galiciana)


Adrián, o persoaxe principal de Arredor de sí, e trasunto de Ramón Otero Pedrayo, fai memoria e <<lembrábase vagamente>> de que <<alí, si, unha revolución galega. Polos mediados do século. Don Bernaldo, algún outro vello, téñenme falado de fusilamentos. Heroes románticos. Agora recordo como meu pai —seino polas conversas da miña nai— se puña pálido falando da sangrenta bandeira de Carral. Se fose un feito acontecido na Europa central habería nos museos litografías dos heroes xenerosos e unha citación nos mármores da historia. Pasou en Galicia. Terei que estudiar o asunto.>> Esta intención do persoaxe é a do propio escritor ourensán, que volve sobre o tema en Ensaio da cultura galega, un tema do que falan de forma periférica, romántica ou superficial outros autores (Murguía, Castelao, Ramón Villares…), o cal non lle resta importancia a revolución galega de 1846, unha que partía dos movementos liberais que percorrían a España da época, pero que só chegou a producirse en Galicia, entre o 2 e o 26 de abril dese ano. O movemento non foi un acto esporádico, tampouco romántico sen máis, senón que viña xestánsose dende 1840, cando empézase a tomar conciencia da situación pola que atravesa Galicia, unha situación tanto política como económica e social que, a pesar das súas riquezas naturais, condeaba ao país e as súas xentes a unhas condicións miserentas e atrasadas. Antolín Faraldo, Pío Terrazo ou Neira Mosquera foron algúns dos membros dun “primitivo galeguismo” que escribían e falaban sobre a situación galega, condicionada por unha riqueza mal distribuida e peor organizada, polas pésimas comunicacións e sen apenas industria, asolagada pola miseria e o analfabetismo ao que condenaban á poboación, na súa meirande parte campesiña e mariñeira, así como polo maltrato recibido por parte do goberno centralista; de aí que Faraldo fale dun trato colonial. Toda esa situación fai mella neses xóvenes intelectuais e universitarios mentras en parte do ejército —que no século XIX exerceu de forza progresista, todo o contrario que no XX— o malestar non crece ata que estoupa no pronunciamento de Solís, a cal, tras fracasar no resto de España, deriva nunha revolución galega. Otero Pedrayo di no seu Ensaio que <<Só hai un momento de franca utilidade: a curta revolución galega de 1846. Desde o primeiro intre viuse que non era un “pronunciamiento” máis. As descargas dos fusilamentos de Carral ó tempo de mataren en flor a vida dun puñado de heroes cabaleirescos, cortan por tempo indefinido as posibilidades dunha reivindicación galega. Pero o sacrificio non foi estéril: ficou a xusticieira emoción e a voz de Antolín Faraldo, voz civil e galega, aínda soa hoxe coma un imperativo de conciencia que cumprir.>>


Fonte: Concello de Carral


<<O pronunciamiento de Solís tuvo lugar o 2 de abril de 1846 en Lugo e logo acadou repercusión en diferentes vilas galegas, sobre todo costeiras, onde axiña se formaron xuntas locais compostas por comerciantes, profesionais liberais e salazoneiros. O pronunciamento ten inicialmente un carácter progresista e inscríbese no xogo político do liberalismo español, no que os progresistas tiñan que se valer dos golpes de forza para ver de acceder ó goberno, avaramente detentado por moderados. Pero o fracaso fora de Galicia do pronunciamento, “provincializa” o movemento e da lugar á formación dunha “Xunta Superior do Goberno de Galicia”, da que forman parte Pío Terrazo e Faraldo, que difunde o 15 de abril unha proclama na que se introduce o ideario provincialista como un dos obxetivos do pronunciamento. Alí fálase dunha Galicia que, “arrastrando ata agora unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da Corte, vai erguerse desta humillación e abatimento”. Pero o desenrolo dos acontecementos, coa derrota en Cacheiras de Solís e a rápida represión dos dirixentes militares (que son fusilados en Carral o 26 de abril, converténdose así nos “mártires de Carral”) e civís, que foxen como poden para Portugal, non permite levar adiante estes proxectos provincialistas, fracasando así este levantamento iniciado como simple pronunciamento.>> (Ramón Villares Paz: A Historia)

No hay comentarios:

Publicar un comentario